1 mar 2014

Faladoiro de Cometas en el cielo

        
       Ola!
      O pasado mércores , ás 17:15 h. tivemos reunión de pais e nais do Club de Lectura na Biblioteca do I.E.S Lama das Quendas. Aínda que faltaron varias persoas, cinco delas por mor das diferentes ocupacións e preocupacións persoais desculparon a súa ausencia, había un  grupo xeitoso de persoas que deseguida se animou a falar sobre a lectura recomendada.
       Que nos pareceu a novela de Hosseini? Pois dura. Dura como a vida mesma neses lugares  do mundo naqueles tempos  e  hoxe incluso. O autor non agacha en absoluto a súa opinión sobre os diferentes dominadores/invasores de Afganistán e retrata unha sociedade terriblemente machista,sexista, clasista , intransixente...
        Aínda que o título e a portada puidesen confundirnos e facernos crer que estabamos ante un libro  con certo ton  infantil ou xuvenil, nada máis lonxe da realidade ao adentrarnos na súa lectura.
        Un par de nenos absolutamente diferentes en canto a etnia,clase social,formación cultural, actitudes e valores conviven nunha casa de Kabul.Nós consideramos que  non eran amigos. Un deles, Hassan,  era un fiel servidor do outro, Amir. O servilismo de Hassan , que daría a vida e soportaría calquera humillación  por Amir, chega a extremos dificilmente entendibles para nós , sobre todo cando podemos comprobar a maldade de Amir e os diferentes intentos de facerlle dano a Hassan ata o punto de lograr "desfacerse" del cun engano, cunha mentira.
       Cremos que Amir nunca puido superar o que lle fixo a Hassan e, aínda que é moi feliz por non velo máis e ten unha "agradabel vida" nos Estados Unidos, no fondo lembra que o seu pai ,Baba, sempre lle dicía que o único que non se podía perdoar era a mentira e Amir foi un mentirán. Claro que Baba tampouco era un exemplo neste aspecto.
        Non é que nos asombre, porque sempre pasa, pero notamos como os afganos que viven en EEUU tentan vivir en grupos cerrados que seguen estritamente os costumes do seu país de orixe no canto de integrarse e adaptarse ao lugar no que moran.
        Decatámonos de que non hai "nai" en ningunha das dúas familias dos nenos. A muller afgana conta pouco na súa sociedade. Observamos que,polo contrario, hai un personaxe feminino, Soraya, a muller de Amir, que si intentou adaptarse á vida americana, e iso tivo un custo para ela,e  manda na súa casa e fai  o que realmente desexa  que é ter un fillo, aínda que sexa adoptado ( tendo que desoír prexuízos familiares e sociais). Parece que será feliz con Amir e o seu fillo Sohrab . Este é fillo de Hassan , e polo tanto , sobriño de Amir. Con el repetiuse a historia de sufrimento e servidume do pai e  ao final será o que , outra vez, faga feliz a Amir.
        A historia relata un proceso de redención.Amir indo na busca do seu sobriño e padecendo todo o que lle tocou no intento de levalo consigo aos EEUU poderá "volver a ser bo".
        Aínda que non está , a voz  de  Hassan dicindo "Por ti lo haría mil veces más..."  segue soando nos nosos oídos e nos de Amir tamén.
       
       

          Podemos engadir que a reunión foi  entretida, frutífera, interesante...e  o libro gustounos moito a todos os da fotografía e a algún máis que non estivo presente.
       Algunha nai falaba de recomendar libros deste tipo aos nosos rapaces para que valoren e coñezan outras situacións vitais e quizás así valorarían o que teñen, no máis amplo sentido da palabra.
       Finalmente comentamos que existe a película  que versiona esta novela
( tedes o enlace neste blog na sección de Libros feitos cine) e  puidemos ver o trailer do filme o que nos serviu para comparar os personaxes  que nel aparecen coa  imaxe que tiñamos creada na nosa mente.
      Todo isto e moito máis foi o que deu de si esta reunión que foi "dulcificada" con chocolate e menta.
        Unha vez máis grazas a tod@s.
       Foi un verdadeiro gusto compartir lecturas e comentarios con tod@s vós.
        A gozar coa seguinte lectura!
       Aburiño!!
   

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India