30 ene 2015

"Non hai camiños para a paz,a paz é o camiño"

Cada 30 de xaneiro, dende 1964 celébrase o Día Escolar da Non Violencia e a Paz, xornada que foi recoñecida pola ONU dende 1993.                      Conmemoramos nesta data a morte de Mahatma Gandhi, líder indio asasinado a tiros en 1948 por un integrista hindú.  No  I.E.S. Lama das Quendas, dende  o Club de Lectura ,quixemos poñer o noso grao a prol da PAZ e sensibilizar ao alumnado  para que sexa consciente da necesidade da mesma.           
Elaboramos un mural que ocupa o taboleiro do clube á entrada do edificio e polos corredores  e aulas, un grupo de alumnas de 1º e 2º de ESO colocou papeis nos que o alumnado pode escoller o valor  que lle parece máis necesario para a paz , entre algúns que lles propuxemos.
Imos manter esa oferta de valores toda a semana próxima e logo  daremosvos conta do que , según a nosa comunidade educativa,precisamos máis para que a paz sexa  o noso camiño.
Alumnas durante a colocación do mural




29 ene 2015

O respecto como base para unha convivencia pacífica

Ateigada estaba a Aula Multimedia con toda a rapazada de 1º de E.S.O. que pertence ao club de lectura.Trátase dun grupo moi dinámico, moi participativo e moi ben levado, polo que todos a unha comezaron a opinar sobre a novela de Alicia Borrás, Nata y Chocolate.
Sen desvelar a historia para que poidades tamén gozar dela, se vos dicimos que Nata é como lle chaman a Sonia e Chocolate é o alcume de Juan, creo que poderedes adiviñar por que reciben eses nomes.
O acoso, non físico, senón psicolóxico que recibe Sonia  por parte dunha compañeira non gusta aos nosos rapaces e rapazas. Recoñecen que nas súas aulas, ás veces, hai algunha broma de mal gusto baseada no aspecto físico, por exemplo, pero é algo puntual e, desde logo, evitable.
Falamos de Inés, de Lidia, de Álvaro ( profesorado do centro no que estudia Sonia),da familia de Sonia, das habilidades de  Sonia, do egoísmo e pésima actitude de Lola... en fin ,falamos de todo o que quixeron sobre este libro que lles gustou moito e que lles permitiu poñerse no lugar dos "outros" e ser quen de reflexionar sobre como deben ser os nosos comportamentos para unha convivencia , no so pacífica, senón tamén responsable.
Por relacionar o libro coa celebración do vindeiro venres,30 de xaneiro, Día da Non Violencia Escolar e da Paz,xa lles anticipamos as actividades que realizaremos para conmemorar dita xornada.
Todo isto mentres degustaban uns anaquiños de chocolate de verdade.
Mmm gustounos!

28 ene 2015

Boas sensacións!

O pasado xoves houbo tamén reunión do club de lectura.Para facilitar a asistencia  á reunión (é o único día da semana que os de 4º de E.S.O. teñen libre)  xuntámonos  na Aula Multimedia para falar de Bajo la misma estrella de John Green.
De entrada manifestaron que era un libro fantástico, encantoulles pola historia e polo xeito de ser contada. Algunhas rapazas falaban de que non podían parar de ler e , a pesar das moitas tarefas diarias, buscaban o xeito de poder continuar coa lectura dos capítulos.Houbo alguén que non  viviu a mesma experiencia, máis ben ao contrario, porque en determinados momentos se lle facía costoso continuar.Tampouco  podía expresar moi ben por que.
Algunhas das persoas asistentes tiveron o seu primeiro contacto coa historia a través do libro , sin embargo outras viran o filme e quixeron despois facer a lectura. Estas últimas tiñan sensacións  diferentes porque película e novela non "coincidían". Pero iso si, choraron os sete chorares unhas e outras.
Como tardaran en deixarnos libre a Aula Multimedia,practicamente non houbo tempo para máis pero como tod@s tiñamos ganas de facer máis críticas e  comentarios quedamos para o vindeiro xoves,29 de xaneiro.
E se a rapazada está disposta, as mediadoras tamén.
Vémonos na semana!

27 ene 2015

Medo nós?

Na reunión mantida cos alumnos de 3º de E.S.O. falamos das historias de medo que aparecen no libro de Xabier Docampo.
Os rapaces e rapazas responderon a un breve cuestionario sobre os relatos que figuran en Cando petan na porta pola noite .Ao final da reunión pechamos as fiestras e apagamos as luces para contar as nosas propias historias de medo nun ambiente propicio. A verdade é que non foron demasiado terroríficas...
Finalmente, descubrimos que o que lles dá medo aos nosos alumnos e alumnas é ser enviados á Aula de Convivencia a raíz dalgún "parte" terrorífico imposto polo correspondente profesor,quen, iso si, non da medo ningún...

26 ene 2015

Reunión do alumnado de 1º de E.S.O

Quen non tomou algo de nata? E de chocolate? Se che gusta o  Chocolate e  a Nata ven o vindeiro martes, 27 de xaneiro á Aula Multimedia ás 11:15 h.
Saborearemos Nata e Chocolate !

21 ene 2015

Do Reparante aos Marmolubios, pasando polo Entomodelfo!

Rapazas e rapaces de 3º A chegaron para falar do orixinal e divertido libro de Paco Martín no que se relatan as peripecias que lle acontecen a Ramón Lamote Miñato, profesor de Chairego.
Sentaron como quixeron , pero esta rapazada sempre quere de xeito diferenciado:mozos a un lado, mozas a o outro.
E comezamos a sesión comentando unhas ilustracións do libro , o que nos deu pé a falar do que nela se vía  máis do que  do texto lembrabamos  para facer así un pequeno resumo de cada un dos relatos.
Outra actividade consistiu en ordenar os fragmentos que a mediadora repartiu a cada asistente.Fomos colocando o sucedido no relato que conta como chegou o Reparante á cidade despois de seiscentos noventa e seis anos da última visita.
Xa establecida a cronoloxía procederon a lelo de maneira que quedou un bo  resumo.

A reunión rematou lembrando as datas das próximas xuntanzas e falando dos libros que imos ler de agora en diante.
Se a mediadora fose debuxante de soños podería agasallar a cada un dos asistentes  cun fermoso debuxo,ao non selo, deséxolles que vivan fermosos soños, que gocen coas aventuras que lles ocorran  neles e que os recorden.

20 ene 2015

Reunión do alumnado de 4º A e B de E.S.O.

Bajo la misma estrella é o título da novela de John Green, pero sabedes que é unha traducción libre porque o título en inglés fai referencia a unha expresión similar a " a culpa é das estrelas."
E , aínda que vos pareza raro, estamos todos baixo as estrelas pero non podemos ver as mesmas nos diferentes hemisferios. Así, nós , desde aquí non podemos ver a constelación da fotografía: a cruz do sur, mentres en Arxentina, por exemplo, non poden ver a estrela polar. 
Esta é unha simple curiosidade arredor da novela que o xoves, 22 de xaneiro, ás 11:15 horas, na aula Multimedia imos comentar co alumnado de 4º da E.S.O a quen parece que esta obra o ten engaiolado.
Debateremos sobre cuestións como : os protagonistas desta lectura naceron con estrela ou estrelados ? 
Que opinades ?
Vémonos, falaremos e ... o que sexa!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India