Reunión do alumnado de 1º de ESO

O vindeiro martes, 31 de xaneiro teremos a reunión do alumnado de 1º de ESO.
Será ás 11:15 e na Aula Multimedia para  @s rapaces e rapazas de 1º A , e para os de 1º B ,  na Obradoiro.
Lembrade que  tedes que traer o  material  acordado para poder realizar o obradoiro previsto.
Vémonos!!

 

A arte non se esfaragulla porque perde maxia

A arte é unha emoción e De profundis de Miguelanxo Prado é unha obra de arte  que o alumnado de 3º de ESO non quixo esmigallar de máis porque entón perdería a maxia que contén.
Gustoulles á maioría, encantoulles a algunhas persoas e non volverían a ler algo similar  só  unha parella d@s asistentes.
Quedaron cautivad@s polas imaxes  que considerarían suficientes para " comprar " a historia. Agora ben, se o único que leran fose o texto...hummm ... non opinarían o mesmo.
Consideran axeitado o título para o libro e entre os personaxes escollen aos femininos: á serea e á muller violonchelista. E ,ao falar dos deseños, elixen aquelas imaxes nas que o pintor e a serea, collidos da man, "andan polo ceo estrelecido das fonduras " ou a imaxe da casa que alguén prefire na  primavera e outr@s coa luz do outono. Hai quen se marabilla coa imaxe do pescador rudo e de xesto torto mentres outr@s prefiren a do vello cego que parece un avoíño  e que  lles recorda ao autor Gonzalo Moure que nos visitou o curso pasado.
Foi un anaco para lembrar o pracer que sentiron ao admirar os debuxos , ler a historia ( que , din, non é de amor )  e  "escoitar" no seu maxín a música da violonchelista ou a do mar picado  ou silenciado, pero faltábanlles palabras para expresar o que realmente sentiron. Se cadra, non querían falar para que perdurase o encanto.

Non nos deixarán frí@s

Xa temos lecturas para os primeiros meses deste ano.
Despois de ler banda deseñada no primeiro trimestre, agora toca narrativa .
Na fotografía vedes  as portadas dos libros que xa estamos a ler.
De esquerda a dereita e de arriba a abaixo están as lecturas de 1º e 2º de Bacharelato (Funambulistas de Mercedes Leobalde), 4º de ESO ( Mentira de Care santos), 3º A de ESO ( Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz ), 3º B ( A voz do lago de Antón Riveiro Coello ), 2º A (A Pomba e o Degolado de Fina Casalderrey ), 2º B ( Kafka e a boneca viaxeira de Jordi Sierra i Fabra), 1º A  ( Bala Perdida de Manuel Rivas ), 1º B ( Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas), profesorado ( A conxura dos necios de John Kennedy Toole) e pais / nais ( El niño en la cima de la montaña de John Boyne ).
Agárdannos días de lectura ao calorciño da casa!
Boas lecturas!!

Reunión do alumnado de 3º de ESO

O vindeiro martes, 24 de xaneiro, toca falar da poesía ilustrada  de  Miguelanxo Prado baseándonos en  De Profundis.
Xuntarémonos co alumnado de 3º de ESO , ás 11:15 h  na Aula Multimedia porque realizaremos unha reunión conxunta dos grupos  A e B.
Agardamos por vós!

Un libro que se entende en calquera idioma

"Esta é a historia dun home que ten que emigrar porque onde vive hai demasiadas dificultades, guerras, pouco traballo...Deixa muller e fillos e vaise á cidade.Quizás isto pasou na época da Revolución Industrial que viaxa nun barco de vapor. Ou pode que fose noutros tempos e  se dirixira a América.Fose a onde fora , chegou a un lugar no que se sinte raro, pequeno, insignificante, estraño, acurralado... 
Sobrevive con penuria. Non lle queda outra. Pasa o tempo e , por fin!, consegue reagrupar á familia. Xa xuntos adáptanse ao novo espazo e aos novos costumes porque é o que toca.E chega un día no que teñen que axudar  a outr@s que chegan na mesma situación na que ele@s o fixeran antes."
Este non é un relato novo. Nós, @s galeg@s, que somos de terra de emigrantes sabemos que esta historia foi vivida por moitos dos nosos antepasados: os avós de Lucía que emigraron a Francia e non entendían nada; a avoa de Olaia que marchou tamén  para Francia e durante toda a viaxe foi estudando palabras nun diccionario para poder entender algo; ou a tía de Brais que emigrou a Alemaña para traballar nunha fábrica de chocolate na que realizaba a súa tarefa por imitación ,sen ter nin idea do que facía porque non entendía nada...Tant@s!!!
Marchar da casa , daquela e hoxe, por necesidade económica e á procura de traballo é moi , moi duro.E se descoñeces o idioma do país ao que vas, aínda peor.
A nosa xente sae ao estranxeiro a traballar mentres ao noso país, cada vez menos,  chegan emigrantes doutras latitudes, refuxiados...Como debemos actuar con quen vén? Temos a lección aprendida?
Shaun Tan fixo este fermosísimo e espectacular  libro cheo de detalles de diferentes lugares, paisaxes, animais raros e repleto de persoas con sentimentos nobres e xenerosos que non falan ningunha lingua (é un libro sen texto) .Trátase de seres que , con dificultades, logran entenderse.

Reunión do alumnado de 4º de ESO

Quen de nós non ten un antepasado que emigrara a Arxentina, Venezuela, Suiza, Alemaña, Inglaterra..? Quen non ten, hoxe ,algún familiar que tivo que deixar o país para buscar un traballo?
Non sei se veremos moitas mans levantadas respondendo ás preguntas anteriores ,pero estou segura de que tod@s sabemos o que foi e o que é a emigración porque somos terra de emigrantes.
Estes de Shaun Tan viven os mesmos problemas que @s nos@s.
Do libro e de calquera tema que conecte con el , falaremos o martes.
Agardámosvos!!

Un discutible, ilustrante e raro Trazo de xiz.


Así adxetivan en 1º de BAC, a historia de Miguelanxo Prado. Poboada de personaxes enigmáticos e solitarios, onde nada parece ter sentido: unha illa que non está nos mapas, un faro que non dá luz, pintadas no dique que falan de amor e da espera por un incerto regreso... 
Os personaxes producen angustia, desacougo, mesmo son sórdidos e morbosos (como a taberneira e o seu fillo). Todos eles están cheos de incógnitas: quen son? De onde veñen? Que fan na illa? Onde van ao saír dela? Regresarán? E o mar? Sempre o mar e Miguelanxo Prado, o mar e nós. 
A beleza das imaxes e o lirismo converten, ao noso modo de ver, a Trazo de xiz non fermoso poema pictórico de raíz existencialista.

Reunión do alumnado de 1º e 2º de Bacharelato


 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India