O neno non era nazi

As impresións que Pabellón 11  deixou na rapazada de 2º de Bacharelato foron ben diferentes, ata o punto de obrigarnos a exclamar : que ben!É bo que haxa controversia.
Houbo a quen lle gustou moito, lle encantou. Quen sufriu cos bárbaros actos narrados , quen chorou mentres lía ao meterse na vida dos personaxes ata o punto de desexar entrar na historia para intervir. Pola contra, temos a quen non lle gustou e argumenta,por exemplo, que o autor emprega tópicos demasiado utilizados na narrativa con temática nazi.
Outras diferencias argumentaronse co xeito de narrar, na perspectiva do narrador do relato.Se para algunha persoa  o libro gañaría  se fose narrado polo xefe do campo,por  Breitner, outras cren que ese cambio implicaría quizás unha anticipación dos feitos ou engadiría explicacións sobre actuacións dos personaxes  e  non deixaría que @s lector@s pensaramos por nós mesm@s.
A acción de meter nun cuarto a dez persoas, cada quen cunha profesión distinta ( salvo Myriam , da que solo se di que é "muller") , persoas que parecen escollidas para servir de mostra da sociedade , sometelas á forte presión de decidir quen deles debe morrer, fai agromar o peor de cadaquén.Todos falan e sacan os trapos sucios que coñecen dos demais nun intento de salvar a propia vida.Todos agás o vello Jan e Myriam que por diversas razóns prefiren morrer. 
Ao final tamén son capaces de pensar axeitadamente e actuar en beneficio da sociedade, de maneira unida e práctica, chegando a acordos  alonxados da política que semella emporcalo todo.
O que gustou a tod@s foi o  principio do libro que está conectado co final. Un final que nos amosa que o subtítulo do libro El niño nazi é erróneo, o neno, Félix Breitner , non é nazi. É un personaxe inxenuo nos momentos duros da obra e bo, xeneroso ao final cando , intentando resarcir ( na medida das súas posibilidades) a moita dor de  Moshe e Myriam  visítaos e pide perdón polo que lle fixeron sinalándolles onde está enterada a filla da muller . 
Quizás , a partir de entón a paz se instalara nos corazóns dos personaxes sobrevivintes.

Reunión do alumnado de 2º de Bacharelato

         
Co alumnado de Bacharelato comentaremos  un thriller psicolóxico escrito por Piero Degli Antoni.
A reunión terá lugar durante o recreo do vindeiro martes, 29 de marzo , na Aula Multimedia.
Calquera que o teña lido, ou queira  escoitar as opinións  dos lectores, pode acudir porque a entrada é libre e de balde.

O Amazonas: a última xungla

Na reunión do pasado martes,co alumnado de 2º A e B de E.S.O., buscamos fotografías dos escenarios da novela en internet, e apareceu ante nós toda a beleza e esplendor do Amazonas, verde e enigmático como a portada do libro.Falamos da deforestación da selva e as súas consecuencias para a fauna , para as tribus indíxenas , para o medio ambiente ...Será o Amazonas a última xungla?
Pensamos nos nomes dos protagonistas e como representan a contraposición  dos mundos de onde proceden: Madison , Xabier, João... os meniños sen sonho ( e sen soños) grazas ao mafioso Morfeo , do que averiguamos a relación entre nome e personaxe no mundo da mitoloxía.
Visitamos imaxes das tribus indíxenas do Brasil , e atopamos fotografías tan exóticas e sorprendentes que os "meninos paxaro" da novela parecían seres ordinarios ao seu carón. Nin sequera sabiamos da súa existencia , pero crémonos co dereito a facer desaparecer o seu mundo e a súa cultura en nome dos intereses políticos e económincos dos poderosos.
Por último recorremos a un clásico da literatura infantil para establecer similitudes: Wendy// Madison, Peter Pan // Xabier, Garfio//Morfeo Soares // os meninos sen sonho// os nenos abandonados da Illa de Peter Pan...Pero o que non queremos é que o Amazonas se convirta nunca no país de Nunca Jamás.

Os refuxiados soñan con sobrevivir, e nós con que soñamos?

Comezamos a reunión recollendo máis adxectivos para as armas; ademais de tristes son violentas , caras, químicas, escuras, detestables, mortíferas...
Lembramos que é 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e falamos das nosas protagonistas femininas da novela de Marina Mayoral: Harmonía e Rosa. Esas nenas refuxiadas en Rusia que loitaron por realizar os seus soños nunha situación tan adversa; lonxe do seu país e da súa familia, rodeadas de descoñecidos que falaban unha lingua  allea, sen esperanzas de retorno...E trouxemos a Harmonía e a Rosa á actualidade; cando lembramos as imaxes de refuxiados que vemos todos os días nos xornais e na televisión, fuxindo cara un destino incerto que sempre será mellor que o das " tristes armas" que abandonan.
           Preguntad@s sobre  cales eran os seus soños para o futuro, un dixo  querer ser médico, outro enxeñeiro , outro mestre...A continuación preguntámonos con que soñarían os rapaces e rapazas refuxiados; se eles tamén pensarían que lles gustaría ser de maiores. @s nos@s alumn@s  responderon que os refuxiados non pensarían no seu futuro profesional , pois eles só poden pensar en SOBREVIVIR.
        -¿Cales  son as vosas preocupacións?-pregunteilles eu."Tonterías profe, nós preocupámonos por tonterías". Responderon con unanimidade.

Eran outros tempos...

A rapazada de 3º A de E.S.O. tiña que ler Contos de medo no museo , un libro de relatos no que Marilar Aleixandre , Fina Casalderrey, Xosé A. Neira Cruz e  Antonio Reigosa contan historias de medo que teñen como esceario o Museo Provincial de Lugo.
Dos catro relatos so un está baseado nun cadro exposto no devandito museo, e foi sobre o que versou a conversa deste tempo de lecer ( no máis amplo dos sentidos).
Quizais porque o conto de Marilar Aleixandre  era dos que menos medo daba, ao mellor porque  os protagonistas son nenos que viven aló polo 1940 , tal vez porque a trama trancorre nun ambiente académico ( ben diferente ao de agora, por certo) , talvez porque  a parella protagonista axuda a uns fuxidos na postguerra , ou , se cadra  porque mirando a pintura de Xulia Minguillón sentímonos moi motivados a participar, esta narración monopolizou toda a nosa atención.
Falouse de cando e como se impartían as clases nas casas, de que alumnos podían asistir, do que custaba acudir ( porque primeiro había que traballar , porque os pais tiñan que pagar en especie á mestra ...)
Non lles gustaría  verse "teletransportados" a aquela época. Esta é mellor  en todos os sentidos.
Mirando o cadro de A Escola de Doloriñas opinaron sobre a dificultade de cursos mesturados , de nenos e nenas de tan diferentes idades, das dificultades  engadidas para a formación das mulleres , das clases en lugares pouco acondicionados , do ensino no rural ... 
Na pintura chamoulles a atención o guapos que estaban todos os escolantes deducindo que a imaxinación da pintora vestiunos " de festa".
Entre @s asistentes había persoas  ben informadas , outras que " algo oiran" das escolas do "ferrado"  e  , ás máis, que abrían a boca dunha cuarta cando , a que escribe, que , curiosamente tamén impartiu clases en Vilapol  , a aldea na que Minguillón viu a escea que a inspirou , lles contaba as súas experiencias no campo do ensino ,aló polos anos 80 , que non se diferenciaban moito das  que se ven na escola do cadro.
Concluímos que, mirar para atrás é bo pero non para retroceder ,senón para avanzar e mellorar.

Día da muller

Sempre escoitamos e, ás veces  pronunciamos , esta frase:" non debería haber  un día da muller".Pode ser.Ao igual que non debera haber outras moitas conmemoracións. Mais, mirando as cousas dende unha perpectiva positiva , valoremos a existencia dun día no que poder agradecerlles a todas esas mulleres que nos precederon ( avoas, nais...) todo o que delas herdamos. É hora de que moita rapazada de hoxe valore o que posúe e sexa consciente de quen  e como contribuiu á súa consecución. E falo de logros persoais e sociais.É hora de que as mulleres ( xunto cos homes ) de hoxe fagan seu o esforzo e traballo xa realizado para proxectalo cara o futuro.Ese futuro que é das rapazas e rapaces que hoxe están no noso centro e que terán , no seu momento, que traballar para e por si  mesm@s dentro dunha sociedade que mellorará con el@s e grazas a el@s.
Cada un de nós , se botamos unha ollada ao pasado , que pode ser bastante recente, atoparemos unha muller á que debemos moito. 
E se nos remontamos a outrora, o que as nosas mulleres tiveron que vivir danos arrepíos. Escoitade este poema de Marica Campo titulado Muller,  que   cantan   Fuxan os Ventos. Reflicte a situación de moitas mulleres de antano. Sempre me pon a pel de galiña. E a vós?

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

 Na reunión desta semana, coa rapazada  de 3º A  de E.S.O.   comentaremos Contos de medo no museo de varios autores,  e os de 3º B de E.S.O e P.M.A.R conversarán sobre Tristes armas de Marina Mayoral.

Agardámosvos.

Duro e tristemente real

Son os calificativos que o alumnado de 4º de E.S.O . lle puxeron  a Desnuda de Jordi Sierra i Fabra. Duro porque  ser testemuña dunha agresión machista , aínda que sexa ficción,non é  agradable.E real porque na prensa de onte  aparecía na portada unha noticia que tiña moito que ver co que se trata na novela. E mesmo a rapazada afirma coñecer a algunha moza da súa idade  que ,  na súa opinión, está entrando nunha relación excesivamente controlada pola súa parella.Elas intenta facerllo entender  pero son acusadas de estar ciumentas.Tal coma ocorre no libro. Mesmo din que o rapaz xa amosaba eses comportamentos de control cunha parella anterior polo que , pensando como pensan que esas persoas adoitan repetir conductas... ,queren que a súa coñecida mire as cousas desde outras perspectivas.Non teñen moita certeza de éxito.
Comentando o título algunha persoa afirmou que  esa palabra a levou a pensar que tiña algo que ver con fotografías  que se colgan na rede.Logo xa se decataron de que  Marga estaba desprotexida, coma espida.
Opinamos sobre o que é , ou cremos que é , o amor concordando coa opinión do autor : respecto mutuo, confianza , honestidade, apoio, xustiza e igualdade, identidades separadas, boa comunicación e , engadiu unha das asistentes,liberdade de decisión.
Cren que, de pasarlles a el@s  terían verdadeiras dificultades para contalo na casa e consideran que este tipo de lecturas poden axudar para concienciar á sociedade.
Mencionamos unha morea de frases extraídas da lectura que nos deron pé a seguir comentando o tema da violencia , dos malos tratos  e   as estatísticas  que veñen no libro e as recentemente publicadas , e un programa dunha cadea privada na que  unha victima de violencia machista fala en primeira persoa  da súa experiencia.
Contando  distintas anécdotas propias e/ou oídas , relacionadas co tema  soou de novo o timbre, e nós sen facer foto de grupo!! 
Pode que teñamos que seguir afondando no tema en vindeiras reunións. Por nós que non quede!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India