Unha das lecturas que realizamos no club este ano foi A caída de Guiomar, de Alba Rozas. Ademais, a autora veu ao centro para explicarnos como se fan os libros fantásticos e de ciencia ficción.
Aquí vai a recensión de Sarela, que forma parte do club de 1.º da ESO:
A caída de Guiomar é unha novela de fantasía épica. Coñécese como unha das poucas novelas deste
carácter escrita en galego e con personaxes da mitoloxía de Galicia. Narra a aventura de como o Reino de Eabaca, formado por mouros, tardos, nubeiras, xente cativa, xans e luciñas, xunto coa raíña Guiomar e as súas guerreiras, terá que loitar contra monstros tan perigosos como a Orcavella e os animais que ela mesma feitizou.
Esta historia ensínanos sobre os seres fantásticos que protagonizan as nosas lendas e que, na maioría dos casos, non coñecemos ou non sabemos o papel que desempeñan na nosa mitoloxía. Ademais, o feito de que todos os habitantes do Reino teñan que loitar xuntos para vencer aos perigos que ameazan apoderarse dos seus fogares, lévanos a pensar sobre a importancia do traballo en equipo, máis alá de conflitos antigos ou situacións enfrontadas.
Na miña opinión, este é un libro que recomendaría ler a calquera mozo ou moza ao que non lle guste ler e queira comezar coa lectura.
Soa ben, non si? Podedes collela na biblio para lela cando queiras!


A quenda do libro
0 comments:
Publicar un comentario