Libro de "as outras" do club de lectura do alumnado (I trimestre)

Pegadas de búfalo
Tomás Rivera

O Salvaxe Oeste é un mundo tan perigoso como fascinante. Sarah Parsons descubrirao cando se mude coa súa familia ao territorio de Montana. A súa nova vida non será doada: Sarah coñecerá o medo, a inxustiza e as falcatruadas dos que burlan a lei. Pero tamén fará novos amigos, como o bravo Búfalo Choutón, que a axudará a superar todos os atrancos. A súa aventura estará inzada de pistoleiros, foraxidos, soldados de cabalaría, indios síux… e mesmo búfalos!



Libro de ciencia ficción do club de lectura do alumnado (I trimestre)

Dril e Gat viven no Val, que é un lugar pequeno pero confortábel. Alí non hai guerras, tampouco propiedades. Todo o mundo colabora no sustento dos demais. O mellor de todo é que a través dos cristais do Val vense as estrelas máis fermosas.
Porén, algo terríbel acontece e de súpeto acaban nun lugar inmenso e estraño ao que chaman a Terra. Alí, os destinos da xente son dominados por un goberno tiránico ao que moi poucas persoas se atreven a facer fronte.
Malia que só son unha moza e un mozo adolescentes, a súa chegada pode cambiar o futuro de millóns.



Libro de terror do club de lectura do alumnado (I trimestre)

Á lus do candil
Anxel Fole

Publicado no 1953, Á lus do candil é unha colección de quince relatos nos que a imaxinación e o humor xogan un papel importante á hora de desenvolver as sorprendentes historias de misterio que xorden da vida cotiá. Coma os contos que se comparten o carón da lareira, as narracións de Fole conservan toda a frescura e espontaneidade, toda a graza e lixeireza que autores coma Italo Calvino consideran unha das virtudes fundamentais das obras literarias.

Este libro foi unha contribución esencial ao rexurdimento da narrativa galega de posguerra. A descuberta dun mundo máxico que se confunde co real, onde por tras das aparencias xorden historias insospeitadas, contos de aparecidos, de lobos, de premonicións e soños fantásticos…



Libro de fantasía do club de lectura do alumnado (I trimestre)

A caída de Guiomar
Alba Rozas

Tras un século baixo a protección da raíña Guiomar, as terras de Eabaca vense ameazadas pola aparición dun monstruoso cabalo e a chegada da Orcavella, unha criatura cun poder tal que ninguén lle pode facer fronte. Só cando a pandeireteira Aima decide acompañar a guerreira Tegra na súa viaxe polas catro parroquias do reino, a esperanza volve agromar.
Non obstante, a súa misión non será doada, pois mouros, nubeiras, xans, luciñas e xente cativa terán que unir forzas se queren conservar a liberdade.



Comezamos novo curso!


 

Sobre "Coraline" de Neil Gaiman... (2)

Audiovisual feito por Lucía Figueroa do Club de Lectura "A Quenda do Libro" e da materia de Linguaxe e Práctica Musical de 1º de Bacharelato durante o curso 20/21 no IES Lama das Quendas de Chantada.



O encontro con Raquel Castro en imaxes...

Onte tivemos no Lama das Quendas unha charla-encontro con Raquel Castro, autora da obra teatral "Dormente", co alumnado do Club de Lectura de 1º de ESO. Na mesma sesión estrenouse o traballo audiovisual sobre o texto gravado nas aulas de Galego da profesora Mª del Pilar López Martínez e nas de Obradoiro de Música do profesor Juan Manuel Vázquez. Ademais rexistrouse en audio para a elaboración dun podcast a entrevista que se lle fixo.






 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India