O Mercadiño de Libros na prensa

Do 24 ao 28 celebramos nos corredores do IES Lama das Quendas a sexta edición do Mercadiño de Libros. Escollemos sempre a semana na que se conmemora o Día das Bibliotecas que nesta ocasión foi o 24 de outubro.
Cada un dos cinco recreos , o profesorado e o alumnado do club e colaborador na biblioteca do centro atendeu o postos no que  se venden os libros que nos donan e préstanse os que nos prestan nun intento de optimizar a vida dos libros e favorecer a lectura , a xenerosidade , a convivencia e o gusto polos libros.
Este evento foi recollido pola prensa escrita e pola televisión.
En La Voz de Galicia aparecemos na páxina L4  da edición de  Terras de Lemos. Como vedes hai imprecisións na noticia porque non están os libros expostos simplemente, senón que se expoñen para poder tocalos, miralos , e se nos interesa, mercalos e levalos para a casa.Sabedes que foi un intercambio de libros entre as persoas que quixeron colaborar co club  e a biblioteca do noso instituto.
En Televinte, a canle audiovisual de Chantada  emitiron a noticia no Telenovas cun resumo da actividade. Iso si, con imaxes do  curso pasado para disgusto da rapazada que atendía  o posto porque desexaba explicar a actividade coas súas propias palabras. E máis cando anunciaran a visita para gravar.
O agradecemento do Club de  Lectura e da Biblioteca do centro a ambas  empresas por facerse eco das nosas accións.

 

Viaxe ao máis fondo dos sentimentos.

 Cando escribín o título De profundis no taboleiro, e lles dixen que ese era o libro que ían ler, empezaron a imaxinar de que podería tratar: «de sentimentos,» dixeron varias; «do mar», dixo Daría. Todas acertastes -dixen eu.
Oscar Wilde revelou os seus segredos e reflexións máis íntimas en De progundis, pero non é iso o que imos ver e ler, senón a obra de Miguelanxo Prado co mesmo título ( casualidade?). Así, folio en man , cada unha debuxou o seu fondo do mar, un fondo do mar imaxinado, que non se basease no que aparece nos documentais; porque, como dixo o poeta: «O mar é unha illa de auga rodeada de ceo por todas partes».
      Ao final, como en cada reunión, ensineilles o libro de Miguelanxo Prado, cheo de mar e de sentimentos, e convideinos a mergullarse na maxia das súas páxinas.

Profundamente impresionad@s!

Da Casa da Cultura  e da Sala do Auditorio chegaba o alumnado de 3º A de ESO o pasado martes. Cans@s pero content@s ,viñan de ver a Primeira retrospectiva  de Manuel Jorge en Galicia, concretamente na súa vila de orixe.A conversa , logo, non podía versar sobre outra cousa que non foran as sensacións e opinións da rapazada sobre os cadros contemplados.
Cren que o traballo do artista se pode encadrar en dous estilos diferentes: un máis realista , con retratos varios  , que está na Casa de Lemos; e  outro máis abstracto , con cadros moi grandes, que pode contemplarse no Auditorio.
Viñan moi contentos de ter visitado a mostra e traían como curiosidades máis destacadas que Manuel Jorge nunca vendeu ningún cadro ( para non competir coa súa dona, dicían) e só o vendería a cambio de "tempo" - pero os homes grises que gardaban o tempo que os homes aforraban so existen en Momo-.E tamén lles chamou a atención que o Mediterráneo  está ben metido na alma do pintor e agroma nas súas obras.
Chegados a este punto,falamos das dotes e prácticas pictóricas del@s mesm@s e  só unha rapaza confesou ter practicado con técnicas diversas, pero xa non pinta.Algún dos asistentes recoñécese experto en "pintar a mona", pero non aceptamos esa actividade como artística.
Califican aos pintores coma seres solitarios, maiores, agradables... influídos polo autor da exposición visitada xa que nunca antes visitaran unha. Gustoulles , así que  achegaranse a outras que se celebren na nosa vila.
Do pintor chantadino chegamos ao pintor coprotagonisata de De Profundis a obra de Miguelanxo Prado que será a lectura para @s rapaces e rapazas de  3º de ESO neste trimestre.
Motivados como estaban , ben seguro que gozarán coa historia e as ilustracións do libro que lles propuxemos.

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

Recordatorio para as rapazas e rapaces de 3º de E.S.O. que terán a reunión o vindeiro martes, 25 de outubro , Día das Bibliotecas, ás 11:15 h.
Estaredes en dous grupos,por un lado A e por outro  B,  atendidos polas mediadoras de lectura, na Aula Multimedia e na Aula Obradoiro que se atopan no corredor superior.
Agardámosvos!
 

Cada ano somos máis!

Para este curso contamos con 18 persoas no club de lectura de adult@s.  Ademais de nais e pais, outra vez temos algunha desas persoas que, sen ter vinculación directa co instituto,  quere compartir o seu tempo e as súas lecturas connosco. Estamos encantad@s!
Na reunión do pasado mércores ,dúas das persoas implicadas neste proxecto lector, transmitímoslles o mecanismo, a dinámica deste grupo do club que non amosará problema algún porque @s veteran@s, vari@s dos cales  xa levan cinco anos ( tantos como ten o club de pais/nais e adultos) , estarán  dispost@s a informal@s. Ademais fixemos un grupo de wasap que nos servirá para estar ben comunicados continuamente.( Podedes ver na foto que @s integrantes do grupo están  moi post@s nas novas tecnoloxías e facían anotacións nos seus móbiles).
Acordamos a data e hora da nova reunión e propuxemos a lectura para o mes de decembro. Leremos El cuento número trece de  Diane Setterfield.
A partir dese momento iniciamos un  intercambio de opinións sobre se preferían ler en e-book ou en papel; se lían ata a fin calquera libro ou paraban no momento en que comprobaban que non lles "enganchaba"; se lían un , dous ou tres libros a un tempo;se len novela gráfica ou non;se tal ou cal libro lles encantou...
Xa para rematar fixémoslles o carné da biblioteca a quen non o tiña e procedemos a facer o préstamo dos exemplares da novela cos que conta a Biblioteca do IES.
Tampouco desaproveitamos a ocasión de darlles a coñecer, @s nov@s, o proxecto de "Un ano de Poesía" que estamos levando a cabo en colaboración  con Televinte neste ano de Manuel María e alguén houbo que se animou  a ler un poema, que por certo xa gravou.
Coma sempre,para estes mediadores  foi un pracer  ter unha das grandes mesas da Biblioteca ateigada de siareir@s da lectura.Medramos en número de xeito importante!
Grazas e benvid@s.

Querida avoa...

Os rapaces e  as rapazas que acudiron onte mércores á reunión do club ( o martes foi festivo en Chantada) teñen poucos recordos de cando eran pequen@s. Ao máis que chega algunha persoa é a lembrar algo de cando tiña catro anos. E se miramos cara o futuro , non teñen imaxinación suficiente para  verse máis alá dos 18 anos ,salvo  unha rapaza que  se ve de avoíña " marchosa e dinámica"  facendo o que lle peta e "mandando".
Xa que mencionaron a palabra máxica na xuntanza, comezamos a falar dos avós e avoas .Tod@s conservan  polo  menos un e quéren@s moito  por iso aproveitamos para escribirlles unha breve carta ( agora que ninguén as escribe) na que lle tiñan que contar unha noticia que significase moito para  @s avós e avoas.Tod@s se dirixiron a unha  avoa.Unha persoa  non soubo que dicirlle porque di que a súa avoa non precisa de boas noticias, xa as ten a diario.Outras dúas escribiron as misivas  desde o presente  para contar que  iría para a súa casa " todos os venres " ou que  a familia está a arranxar a casa na que " ti e máis o avó vivistes durante tanto tempo".Houbo alumn@s que escribiron as súas cartas  para dicirlle a avoa que remataran a carreira de veterinaria, medicina ou que , ademais, xa conseguiran o traballo acorde cos estudios realizados,  nesta  súa vila;aínda houbo quen lle  anunciaba a súa volta á casa- non sabemos se polo nadal-  cun fermoso regalo , que a faría feliz, na maleta.
Todas estas actividades , orais e escritas, serviron para presentarlles  aos "avós e avoas" que protagonizan o libro de Paco Roca titulado Engurras  que será a lectura deste primeiro trimestre.
A rapazada de 2º A vai preparar  algo ben bonito para a reunión de novembro. Pero diso xa teredes noticia.

EU DE MAIOR NON QUERO IR

Escribo no taboleiro a palabra " engurras" e pídolles significados connotativos. Asóciana con xente maior, pel engurrada e, por que non, co outono. Comento aquel fermoso slogan de Adolfo Domínguez :"La arruga es bella", pero ninguén parece coñecelo ( se cadra xa quedou para os que hoxe temos engurras, e daquela, aínda non).
Despois de elaborar entre todos unha boa definición de Residencia de anciáns,pensamos en como animariamos aos nosos avós para ir a unha. 
Os alumnos e alumnas de 2º de ESO B diríanlles que hai enfermeiras guapas, que atoparían amigos, bailes, xogos de cartas, algunha sesión de teatro...Pero cando lles pregunto se eles mesmos quererían ir de maiores a resposta é unánime:NON."Non porque estás encerrado; non porque te atontan con pastillas para que durmas e esteas tranquilo; non porque alí hai moita xente enferma, porque sería un aburrimento, porque non estás coa familia e morrerás entre estranos..."
Indícolles que todo o que falamos son pistas pra imaxinar o título que imos ler neste trimestre; así que intentan adiviñalo con ocorrencias como :"Quero moito ao meu avó","Olvidóuseme o título" ( pois tamén comentamos a diferenza entre alzhéimer e amnesia), "Maldita residencia"... Finalmente , revelo o misterio, o título é -como non pode ser doutra maneira-
ENGURRAS

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India