Nin esquecidos nin destruídos

      Con un libro podes vivir moitas vidas en lugares diferentes e ser alguén distinto porque os libros levan soños escritos nas súas páxinas.
          E o alumnado de 3º A,3º B e 3º P.M.A.R.  e os de 4ºA, 4º B e 4º P.D.C  queren ver o nunca visto,  mudar de época,soñar... e por iso a rapazada acudiu á  reunión do pasado luns para vivir o primeiro contacto e coñecer as intencións das mediadoras para este novo curso 2015-2016.
       Podedes ver á maioría na foto pero  outros non acudiron , por razóns varias ( entre elas o "despiste") pero buscaron a maneira de atoparnos ao longo do día e de  manifestar que contaramos con eles.
      Estes 54 rapaces e rapazas  ,divididos en catro grupos ,encherán as aulas de reunión durante os recreos dos martes ao longo do curso.
      Farán seu o proverbio indio que di: "Un libro aberto é un cerebro que fala; cerrado un amigo que agarda;esquecido , un alma que perdoa; destruído un corazón que chora."


Queres ser do noso Club?

Ser? Do Club? De que club?
Ser, si! Pertencer, formar parte...
É que temos un club.Somos un grupo de persoas  que nos reunimos periodicamente e formamos  unha asociación.
Somos o  Club de lectura do Lama das Quendas. 
Se queres formar parte do mesmo  acude  á reunión do martes e alí fai todas as preguntas que queiras.
Ah!Os que xa erades membros no curso anterior  pode que non teñades dúbidas pero podedes aclararllelas  aos de 1º que acaban de chegar ao centro.
Agardámosvos!!!

Comezamos as reunións!!!

Eh!! Ti és do noso Club?
Calquera que sexa a túa resposta,  que saibas  que o vindeiro luns  xuntámonos para dar comezo ás actividades do Club de Lectura.
Se estiveches connosco o curso pasado, xa  coñeces as actividades   que adoitamos realizar. Pero podes aportar as túas ideas e trataremos de polas en práctica.
Se non eras do club e queres entrar a formar parte  deste grupo lector , o luns tes unha boa ocasión. Poderás formular todas as preguntas que desexes e  propoñernos novas liñas de actuación.
Sé xeneros@, comparte connosco as túas opinións!!

Aberto para ler!

Xa estamos de volta despois das vacacións escolares!
Se tiveches un libro a man; se compartiches inesquecibles momentos c@s que queres; se fuches positiv@ cada día e aproveitaches para gozar e coidar da fermosa natureza que nos rodea; se participaches  nas actividades que che gustaban e aínda atopaches un anaquiño para escribir o que sentías  ( mesmo polo wasap ou nas redes sociais)  , seguro que concordas comigo en que o teu verán foi intenso e ti fuches o que tod@s sabemos: unha persoa boa.
          E , de seguro, estás cheo de enerxía e disposto a compartir os teus libros,opinións  e o teu tempo connosco, coas persoas deste club de lectura  que queremos ler, soñar, vivir...
        Se así fora, prepárate e estate atent@ porque ...comezamos xa!
          
            

Neste verán...

Aínda non chegou o estío pero parecera pola calor abafante destes días. Certo que ata o domingo non vén o verán  pero xa están aquí as vacacións para os escolares. Esas que  comezades hoxe , e que vos dispensan de asistir ao Lama das Quendas e todo o que iso significa.
Sabedes o que fago sempre que rematan as clases: douvos consellos que algúns tomades e outros deixades. E desta volta, non me vou privar de facer extensibles as recomendacións a tod@s @s integrantes de A Quenda do Libro e tod@s  @s que  cheguedes a ler  estas liñas, adicadas a vós coa mellor das intencións.

                                                    Oito consellos que non son moitos
                                              Neste verán...
 
1.-Ten un libro a man.Goza mergullándote nas súas páxinas.Vive novas vidas en diferentes  lugares e nas épocas máis diversas.Pero le porque che peta, porque queres e che da a gana.

 
 2.- Comparte o tempo de vacacións coas persoas que queres, sexan familiares ou amig@s. E non perdas a ocasión de dicirlles canto amor sentes por eles e o content@ que estás de poder vivir na súa compaña.



3.-Dende que te ergas ata que te deites, sé positiv@ , mira a vida coas gafas do optimismo e traballa para conseguir que ao teu carón reine a felicidade.




4.-Vivimos nunha vila privilexiada pola súa paisaxe tan diversa e fermosa.Síntete en contacto coa natureza  e contribúe ao seu coidado.




 
5.- Fai actividades.Todas as que poidas.E usa todo o que aprendiches neste curso que rematou.Lembra que así pensarás máis e serás unha persoa máis crítica e por tanto máis libre.



6.- Neses momentos de tristura ou problemáticos, que tod@s temos, sería convinte que  escribiras, que plasmaras nun papel como te sentes.Recorda que a escrita axúdache a compartir a carga do corazón.

 7.-Vive con intensidade e fai recolleita das forzas precisas para perseguir os teus soños.



                                                                                   
8.-Sé, no amplo sentido da palabra, unha persoa boa.




 Así te queremos: lector , familiar, amigable , cariñoso,optimista, coidadoso, activo, reflexivo , escritor,vital e bo.

Felices vacacións!!!

Valoración da VIII Xornada de Clubs de Lectura

As entradas anteriores reflectiron,sempre dende a miña perspectiva, as actividades e reunións realizadas na VIII Xornada de Clubs de Lectura.Concluído o resumo da mesma, parece que acae unha valoración global. Así que, procedamos.
A cualificación que lle poñería, por falar en termos escolares, é a de sobresaínte. Se ben é certo que teño as miñas preferencias sobre o escoitado e vivido naquel 5 de xuño, tamén direi que o ton xeral estivo nun alto nivel.
Dende a primeira hora da mañá, coas emotivas palabras de Agustín Fernández Paz  , e as tamén emocionantes de Manuel Bragado , ata as derradeiras verbas que  se escoitaron no auditorio que foron as de Celso Emilio Ferreiro  a ritmo de rap con García de Dios ke te  crew  a reunión foi un canto á lectura e unha loa aos lectores .
                             
Polo medio, dous magos da palabra coma César Lorenzo Gil e Miguel Anxo Fernández Fernández   que  marabillaron aos asistentes transmitíndonos   mensaxes  que tiveron a ben compartir connosco.
E , a maiores, entre tantos prestidixitadores da palabra, unha morea de  homes e mulleres que coordinamos os Clubs de Lectura dos diferentes centros  escolares de Galiza  e que tivemos a fantástica ocasión de compartir experiencias  e ideas, unhas veces como relatores e outras como oíntes, pero sempre dende a militancia máis comprometida na defensa da lectura.
É esta convivencia de persoas ben diferentes, de lugares moi distintos e con alumnado tan dispar a que realmente da sentido a xornadas coma esta.Por esta razón é preciso recoñecer o esforzo , o traballo das persoas da Asesoría de Bibliotecas escolares que fixeron posible este evento.Parabéns!
Grazas por  facer que tant@s letraferid@s nos puidésemos encontrar!

Novela negra e cine. Materiais de xénero

Miguel Anxo Fernández Fernández  estivo fantástico na conferencia á que tiven o pracer de asistir na VIII Xornada dos Clubs de Lectura.
So lle tiña lido  algunha  crítica de cine  e/ou televisión pero  o seu xeito de contar deixoume coa arela de poñerme a ler  algunha das súas novelas. Será tarefa de verán.
A charla  de Miguel Anxo foi todo un calmante para o meu estado de ánimo,e cónstame que para outras moitas persoas,despois de asistir,dende as 16:15 h ata as 18:00 h, a unha das reunións por eixos temáticos que me deixou un pouco desconcertada porque, para empezar, o suxestivo título da mesma contradicía as manifestacións que realizou a  relatora quen , ademais ,deixou alí  algún comentario  co que non estou en absoluto de acordo.Mais, vaiamos ao que nos ocupa, ao importante.
O conferenciante , mestre, historiador , profesor  na Universidade de Vigo, escritor, crítico de cine e televisión, membro do Consello da Cultura Galega, disertou  sobre a novela negra. Velaí vai un resumo do seu relatorio:
 " Actualmente , a novela negra regresa ao espírito das súas orixes, nos primeiros anos do século XX, cando nace nos Estados Unidos como xénero ao abeiro da importante crise económico-social derivada da Primeira Guerra Mundial e máis o posterior "crak" de 1929. Ao seu desenvolvemento axudou a industria de Hollywood , adaptando aquelas tramas e dando orixe  a un novo  xénero no territorio do drama, o chamado cine negro, tamén thriller, sobre todo desde a produtora Warner Bross. Baixo a coartada de mergullarse no lado escuro da alma humana , os autores comezaron a fixar igualmente  o marco ambiental dunha sociedade de variados matices , consolidándose ao longo do século XX como xénero literario evolucionado desde as novelas de edición sinxela e custe baixo ("pulps") , ata un xénero respectado e respectable , xa plenamente consolidado".
Despois de facer un percorrido polos escritores americanos e europeos que poderían ser considerados os fundadores da novela negra e de reivindicar o papel de Xosé Fernández Ferreiro como autor da primeira novela negra galega,   continuou  a súa  conferencia facendo unha valoración sobre a novela negra na actualidade:"A novela negra actual, mesmo en moitos casos sen renunciar  aos vimbios paródicos ou mitómanos , que gardan unha forte relación co cine, é a canle máis útil para introducir nas intrigas e no suspense , reflexións arredor da sociedade actual e as súas lacras, as máis das veces tirando dun personaxe , entre quixotesco e romántico, que tentará mudar  as cousas en base a uns peculiares códigos de ética e de moral, que , aínda así, non poderá renunciar á violencia , sexa física ou emocional, para o seu fin . O cine actual camiña na mesma dirección .En ambos casos , no cine como na literatura, o xénero negro mudou dun papel secundario, moitas veces infravalorado , cando non desprezado ( no caso da literatura , cualificándoo  como menor ou de consumo...), ata a consideración plena , tanto da crítica como dos lectores e máis dos espectadores".
E rematou  a sesión coa presentación aos asistentes das súas novelas negras protagonizadas polo detective  Frank Soutelo e escritas cunha narrativa cinematográfica que case as converte en guions polo influxo da televisión que tanto contemplou dende neno.
Grazas, Miguel Anxo Fernández Fernández!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India