De libros ... e máis

O pasado mércores, 29 de outubro, pola tarde,ás 17:30 , na Biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas tivemos a reunión cos pais e nais ( que foron @s que viñeron aínda que están invitadas todas as  persoas con inquietudes lectoras e con gañas de compartir a súa experiencia  cos libros).
Había  membros que  levan connosco dende a formación do club e algún outro que acudía por primeira vez.
A estas persoas fíxoselles o carné da nosa biblioteca  porque o Coordinador da mesma tamén asistiu á reunión para  axudar  nestes trámites.
Tras informar aos novos , e lembrarlle @s veteran@s , da maneira de estar ao tanto do que facemos, cando o realizamos  e das datas de reunións a través das redes sociais , respondemos á cuestión de como atopar un libro, unha película... tanto na  nosa biblioteca coma en calquera das do Concello, por exemplo, a través do Meiga.
A tod@s lles  proporcionamos copia co horario no que a biblioteca está aberta para que poidan acudir a buscar os libros que desexen. Algún estaba desexando telo porque sendo a persoa que máis usa  os servizos da Biblioteca quere ter moi claro cando o podemos atender nela.
Unha das nais asistentes , transmitiume a oferta dunha escritora galega , amiga súa, que coñecedora do que estamos a facer se presta a ter un encontro co alumnado. Recollemos a posibilidade, leremos o libro e  determinaremos para quen é axeitado e como e cando podemos ter a súa visita.Dende aquí, grazas á nai que se acordou de nós e á autora que tan xenerosamente  se nos ofrece. 
Para rematar propuxemos a lectura, Arrugas/ Engurras de Paco Roca. Trátase dun cómic , xénero que aínda non tocaramos  os adultos e que , coma sempre, acolleron de moi bo grao, con moi boa disposición.
Se ademáis puidésemos contar, dalgún xeito ,coa colaboración do autor, entón , xa sería perfecto. Imos ver ata onde podemos chegar cos trámites.
Estabamos realmente agusto pero, pasada unha hora, puxemos fin a esta reunión á que, debo mencionar,excusaron a súa asistencia catro nais que me rogaron encarecidamente que lles comunicase o libro elexido. E non só se fixo , senón que outras persoas asistentes se encagaron de facerlles chegar o cómic que imos ler.
Pai, nais asistentes... agardo xa a vindeira reunión, que por certo quedou marcada para o mércores 10 de decembro ,ás 17:15 horas.
 

Cousas, cousas, cousas...

Comezamos a xuntanza do martes, 28 de outubro, lembrándolles aos alumnos/as que nesa data se celebra o Día Mundial da Animación  e queriamos festexalo á nosa maneira  proxectando un vídeo do gran Tadeo Jones . Tiñamos todo disposto pero atopámonos  con algunhas dificultades para proxectalo e a pantalla insiste en permanecer en branco,claro que as nosas cabezas non o están e, en vez de ficar á espera do vídeo,decidimos realizar algúns xogos relacionados con Das Cousas de Ramón Lamote que é o libro que imos propoñer como lectura de 3º A de E.S.O.
Así, no texto orixinal aparece a sigla AMCFGCPF ( Asociación de Mulleres da súa Casa que Fan un Gasto Considerable en Pescada Fresca).Sen darlles o resultado convidámolos a que os  18 rapaces e rapazas asistentes pensen que poden significar todas esas letras xuntas, e sáennos propostas bastante graciosas como " Asociación de Mais Cuarentonas facendo Gustosas a Comida para Pais e Fillos" ou "Amable Médico Científico Físico Guapo Cerrado Pedro Feo","Antonte a Miña Carmen Foi Graciosa Comigo Antes de Falar","Asociación Maioritaria Con Forza Grandísima Contra partidos Falsos"...
Á pregunta , que é un Entomodelfo ? responden que é un tipo de Elfo; mentres outros cren que Marmolubio pode ser o nome dun mar.
Mentres enredamos coas "nosas cousas" e coas de Ramón Lamote, conseguimos que apareza en pantalla o vídeo de Tadeo Jones  e rimos coas  aventuras deste peculiar personaxe  no "non tan antigo" Exipto.
Agora toca ler e pasalo ben co  retranqueiro Ramón Lamote Miñato , debuxante de soños por encarga.


Quen dixo medo?

Iso dixeron os catorce rapaces e rapazas de 3º B na nosa reunión do club deste martes,28 de outubro.
Pero póñovos en antecedentes. Dado que era  hoxe Día Mundial da Animación e onte foi o Día Internacional Mundial do patrimonio Audiovisual decidimos ver unha curta durante a nosa reunión. Á procura de curtametraxes axeitadas  , e pensando que o alumnado ía ler Cando petan na porta pola noite de Xabier P. Docampo ,atopamos unha de medo. Esta foi a que vimos Fiz, o coleccionista de medos
Velaí á rapazada na Aula Multimedia.

Ao remate tocou comentar o vídeo e falar dos medos que as persoas temos.Medos reais , medos imaxinarios, medos lóxicos, medos tontos...Pero,  maioritariamente , estes de 3º  son moi valentes porque case nada lles da medo. 
Aínda así ,concordamos en que non nos agrada moito que nos peten  na porta pola noite e ter que ir abrir.
Xogamos a atopar, con pistas,o que alguén vería ao abrir a porta, remedando os xogos de nenos do "vexo,vexo".
E o que apareceu ao final foi a lectura deste trimestre que xa mencionamos antes.
Antes de ter que voltar ás aulas, recibiron información sobre como saber o que se fai no club a través das redes sociais e a rapazada amosou a súa disponibilidade para participar activamente nalgúns proxectos que ,dende o club e a Biblioteca, temos programados para este trimestre.
Coma sempre ,rapazas, rapaces foi un pracer.






Reunión de adultos do Club de Lectura

Lembramos a todas as persoas anotadas para participar no Club de Lectura deste curso que mañá mércores, ás 17:30 h , na Biblioteca do noso centro teremos a reunión para acordar a próxima lectura.
Tod@s  @s que non vos apuntastes  pero que estades interesados  podedes asistir igualmente.
Vémonos!

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

O alumnado de 3º A  e  3º B de E.S.O queda convocado á reunión do vindeiro martes,28 de outubro.Nas vosas aulas teredes o cartel cos detalles.
Vémonos!


Clausura do Mercadiño de Libros 2014


Despois de unha semana de atender o Mercadiño de Libros durante o recreo, o alumnado e o profesorado     
colaborador pechou a actividade por este ano. Concluíu así a semana de celebración do Día das Bibliotecas.
Aínda  que queda analizar máis polo miúdo os resultados, unha primeira impresión é que , a pesar da pouca asistencia do alumnado de 2º ciclo de E.S.O e bacharelato ao centro durante as xornadas de martes, mércores e xoves por mor da Folga convocada contra a L.O.M.C.E.  , resultou unha actividade interesante e  valiosa polos obxectivos de convivencia e de solidariedade propostos. 
O alumnado e o profesorado tiveron ocasión de mercar libros e algúns alumnos, arredor de 30, prestáronse libros que ou ben son dos prescritos polo profesorado dalgunha materia, ou, simplemente, lles apetecía ler.
Dada a colaboración  prestada, tanto ás mediadoras coma ós membros do Equipo da Biblioteca nos parece acertado manter a actividade para o vindeiro curso.
Dende esta páxina , queremos agradecer  as doacións feitas por diferentes profesores e persoal non docente que achegaron libros francamente interesantes e que deseguida desapareceron porque foron mercados mesmo polo alumnado de Bacharelato que desta volta  participou máis intensamente  na actividade.
Como anécdota mencionar que houbo un alumno que mercou moitos libros , en varios días. Pero o terceiro día de mercadiño comentounos "veño sen cartos porque se non sei que compro".  Todo é gastar pero noutras cousas podían estar peor investidos os cartos.
Para rematar  queremos  reiterar o agradecemento pola  participación  a tod@s con un "libroabrazo".


Feliz día das Bibliotecas

Para saber o que se está a facer nas  Bibliotecas escolares de Galicia consultade o enlace.
Na fotografía vedes o cartel feito por David Pintor para  este curso 2014-2015 co lema Biblioteca escolar... matemático!!!

Para  coñecer o que se está a facer a prol da lectura no noso centro , so tedes que acudir a biblioteca  e calquera das  persoas do equipo da mesma vos daremos cumprida información.

Non dubides en pasar pola Biblioteca , un espazo axeitado  para aprender.

Que teñades un Bo Día Das Bibliotecas!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India