Falamos e dixemos

A multitudinaria reunión do club do pasado martes deu para moito.
O alumnado de 1º A que lera O Buzón dos Nenos de Úrsula Heinze e os de 1º B que leron Un tren cargado de misterios de Agustín Fernández Paz alternáronse para contar quen eran as protagonistas das súas respectivas historias e  narraron os feitos que lles ocurriron a Bea e Ana nos escenarios onde  se desenvolveron as diferentes accións.
Explicaron que o que máis lles gustou do relato do escritor lucense era a súa brevidade ( sempre tan prácticos) , tamén que  trancorrera polo mundo adiante ,nunha viaxe, e as adiviñas que no libro se formulan  porque eran moi doadas. Propuxémoslles a lectura das que aparecen no libro de Paco Martín titulado  ¿Qué cousa é cousa...? , que poden consultar, na nosa Biblioteca , e amosámoslle a grande cantidade delas  que se poden ler aí.Algunhas ben difíciles...pero traen solución.
E do relato de Úrsula Heinze agradoulles que o personaxe principal, Bea , atopara a tan desexada boa  amiga e que ambas as  dúas  encamiñaran os seus esforzos en axudar aos demais.
A rapazada de un  grupo  enleouse  en adiviñar datos do libro do outro grupo e así foi correndo o tempo mentres atinaban cal fora o primeiro buzón dos nenos,que lugares visitara o tren, que problemas  requerían a axuda de Bea e Amaia; e ,convertíndose nos personaxes de cadansúa lectura, comentaron cousas das que podían presumir, aqueles problemas de seu que demandarían  axuda ...
Rematamos con dúas actividades previstas. Unha foi  marcar os libros de lectura que imos traballar proximamente, ensinámosllelos e quedaron de pasar pola Biblioteca a recoller os exemplares.Outra consistiu en convocalos para que no facebook xoguen cos títulos dos libros segundo o que vos propoñeremos axiña.Tod@s quedades convidad@s.



Reunión do Profesorado do Club

O vindeiro xoves, na Aula Multimedia temos a reunión do profesorado para comentar Apocalipsis Z/ Apocalipse Z de Manel Loureiro.
Imos afinar os nosos comentarios  porque despois farémosllos chegar a Manel Loureiro que os está agardando, coma podedes comprobar.
 
Vémonos e falaremos!

Reunión de pais,nais e amigos de A Quenda do Libro




Na xuntanza  falaremos de Arrugas/Engurras de Paco Roca

Reunión da rapazada de 1º


Por non falar do que non se coñece

Caladiños estaban hoxe os rapaces e rapazas da fotografía. Custou un mundo que falasen, que participasen ao comezo da reunión.O motivo era que moit@s non  leran as páxinas acordadas e... non podían opinar por iso de que falar do que non se sabe...
E as persoas que as lemos  non quixemos destriparlles o libro de Paco Martín así que cambiamos de  actividades sobre a marcha e seguimos falando por aquilo de coñecernos.
Deste xeito,como se fósemos a muller do Rexedor que aparece nas primeiras páxinas da novela  Das Cousas de Ramón Lamote ,  propuxémonos "fundar" unhas ONG ben estranas e inútiles pero resultou difícil porque esta rapazada considera moi importante a labor das organizacións creadas para axudar aos demais.So xurdiu unha de axuda ás persoas que usan gafas ( axiña  preguntei polas actuacións da mesma xa que uso lentes) e outra relacionada con axudar ao profesorado que non quixen entender moi ben.
E aínda que non querían falar da lectura , por descoñecemento , non lles importaría falar durante unha hora, sen que ninguén soubese que eran uns verdadeiros descoñecedores,de temas tan variados como o gatosaurio, Rafalandia, o fume,as pastillas da felicidade,os ordenadores con forma de peixe, os colgadoiros ou, e  isto doéulle aos asistentes masculinos porque pensaron moi mal,o que pasa na mente  dos mozos.
Para a vindeira reunión, xa no novo ano, falaremos , sobre todo, das  especiais Cousas de Ramón Lamote.





Libros, películas, pesadelos e outras historias de medo


Parece que os rapaces de 3º B xa se asustaron co título, porque poucos foron quen de introducirse nas súas páxinas e nas sensacións arrepiantes que os relatos de Xabier do Campo provocan... Así que tivemos que contar outras historias...e falamos  de películas e de monstros. Os rapaces e rapazas coñecían a Drácula, a Frankestein, ao boneco diabólico... pero non a Jekill e a Míster Hyde, nin a Dorian Gray, nin sabían do terrible corvo de Allan Poe. Así que lles contamos que todos eses filmes partían de excelentes obras literarias de autores moi coñecidos que as concebiron na súa imaxinación moito antes de que se fixeran populares nas salas cinematográficas.
Acabamos a sesión falando dos nosos pesadelos máis terríbeis, ou sexa, dos medos que ocultamos no subconsciente, e , entre estes, figuran o medo á guerra, ás arañas, ás cobras, a ser perseguidos por un asasino armado cun coitelo... Sen embargo ningún dos rapaces confesa terlles medo ás "malas linguas". Que sorte que aínda non saiban o dano que estas poden facer!!





Os de 3º de E.S.O. falarán Das Cousas de Cando petan na porta.


Mañá martes, 2 de decembro, o alumnado de 3º de E.S.O terá a súa reunión para comentar os capítulos e /ou relatos das lecturas sinaladas.
Cos de A  teremos a reunión na Aula Multimedia e cos de B na Aula de 1º B  dende as 11:15 h.
Agardámosvos.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India