20 may 2014

O luns e o martes,que dous bos días!

     Ola a tod@s!
    O título da entrada ten explicación.
    Onte, luns, o escritor Marcos Calveiro estivo no noso centro co alumnado de 1º A e B  e 3º A e B de E.S.O.Así que a rapazada de 1º A tivo ocasión de gozar coas palabras e a compaña deste autor  tan aprezado e lido. 
     E hoxe, o alumnado de 1º A tivo a reunión do clube de lectura na que o pasamos moi ben e na que todos nos enfadamos cando soou o timbre porque queriamos máis. Non podía ser.
      Do que fixemos dareivos conta nuns días (que ando bastante atarefada coas correccións de exames). Pero mentres ide vendo a boa cara coa que chegaron á Aula Multimedia algúns deles.
         Aburiño!!

18 may 2014

Reunión da rapazada de 1º A de E.S.O.

       Ola a tod@s!
     Xa sei que o sabedes.Pero por se alguén precisa que se lle recorde , o martes, 20 teremos a reunión das rapazas e rapaces de  1º A de E.S.O.
      Coma sempre, será na Aula Multimedia, na hora do recreo.
      Vémonos!
      Aburiño!!

17 may 2014

BO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

       Neste 17 de maio de 2014 , dende A Quenda do libro  queremos desexarvos un bo día de lecturas.
     Xa que este ano se homenaxea a Xosé Mª Díaz Castro, déixovos cun poema recitado por el mesmo dun xeito , ao meu entender, impresionante. Pon a pel de pita. Logo, canta o mesmo poema, Penélope, o benquerido grupo Fuxan os Ventos.
       Paga a pena escoitalos.



                  

      E lembrade: non hai mellor maneira de celebrar este día que mercando un libro na nosa lingua. Ou , cando menos, léndoo.
      Boas lecturas galegas!!

14 may 2014

Outro faladoiro de contos

       Ola!
       Onte tivemos a reunión do alumnado de 2º B de E.S.O. para comentar  a súa lectura. Tamén eles leron Contos por Palabras de Agustín Fernández Paz.
      Os dezaseis  asistentes declaráronse  máis amantes da novela que dos contos. Prefiren un texto longo ,no que os feitos sexan narrados a un ritmo  máis lento  , a un conto breve cun argumento pouco desenvolvido. Din que no conto ou che gusta ou non   porque logo remata mentres que na novela  podes pasar da incomprensión á lucidez, de non gustarche a gustarche segundo te vas mergullando nela.
      Pero os comentarios sobre os relatos de Fernández Paz  foron moi positivos. a tod@s lles quedou ese sabor da  perplexidade lendo o minúsculo anuncio que orixinou tamaña creatividade no autor.
        Comentamos o relato de "O libro das infinitas historias" que , se ben non é o preferido, escólleno pola súa utilidade. Explícome,gustaríalles poder cambiar o que pasa nalgunha das lecturas que teñen feito.Léase T./error , Una luz en la marisma ...
      Postos a elixir  escollen o conto de "Vanesa e o anuncio de televisión", coma os seus compañeiros de 2º A, como favorito.
Parte do alumnado asistente

        O tempo de lecer non deu para máis , así que cadaquén tivo que regresar á súa aula pero íamos enchidos de contos.
      Ata outro día!
      Aburiño!!

11 may 2014

Reunión da rapazada de 2º B de E.S.O.


7 may 2014

A voltas cos contos

        Ola amig@s!
    Onte , martes, tivemos a reunión da rapazada de 2º A de E.S.O.  para comentar  o curioso libro de Agustín Fernández Paz  titulado Contos por Palabras.
         Tivemos ocasión de ir comentando cada un dos relatos  e apuntaron que lles chamou a atención o final de "Unha chave non é suficiente". 
      Resultoulles atractivo o tema de "O caso do estraño empregado" e  "Ser superheroe non é nada doado".
          Case  os dezaseis  quixeran posuir "O libro das infinitas historias" e sobre todo  desexarían poder pasar os dedos polo texto e que este trocase ao seu antollo.
        E de ter que elixir un  tod@s se decantaban por  "Vanesa e o anuncio de televisión". Entenden moi ben iso de que as nais sempre queiramos que os nosos fillos sexan como alguén.
       Velaí tedes a foto dos asistentes  durante a reunión na que se fixeron interesantes aportacións  sobre  a lectura realizada.


       O tempo botóusenos enriba e houbo que volver ás clases.
      Ata o  próximo día!
      Boas lecturas!

4 may 2014

Reunión da rapazada de 2º A de E.S.O.

        Ola amig@s!
      Hoxe so quero lembravos a reunión que teremos o vindeiro martes, 6 de maio, na Aula Multimedia.
      Desexando comentar...


       Vémonos!!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India