Nós somos club de lectura


      Hoxe diríxome a tod@s  os que  formades parte do club de lectura A Quenda do Libro  porque acabo de ler un artigo do mexicano Juan Domingo Argüelles que resulta moi interesante pola opinión que manifesta sobre os clubes de lectura.

     Este poeta e ensaísta  pregúntase por que fracasan as campañas de  lectura no seu país e confronta o gasto excusado en publicidade, por exemplo, co barato que resulta animar a ler dende un grupo coma o noso.E ademais os resultados tamén son ben diferentes.

    Podedes ler todo o texto no enlace que vos deixo ¿Por qué fracasan las campañas de lectura?

      Nós , os do club, que nos xuntamos porque queremos compartir "a feliz experiencia de ler"  facemos moito por ser eses lectores entusiastas que "teñen o poder de xerar máis lectores".
       Feita a sementeira so queda agardar á recolleita.
      

Achados 16 colaboradores para a nosa Biblioteca


       Ola a tod@s! 
      Xa temos colaboradores,é dicir persoas dispostas a  traballar connosco no coidado e organización da Biblioteca do Lama das Quendas.
    Á Aula Multimedia, no recreo,  achegáronse catorce alumnos e alumnas coas que comentamos as normas.Estiveron de acordo coas propostas da guía,fixeron interesantes cuestións sobre a actividade que van a desenvolver e manifestaron estar dispostos e moi motivados para traballar.
       Velaí os tedes con cara de querer comezar xa!!

       Todos eles, máis outras dúas rapazas que se achegaron á Biblioteca máis tarde, comezarán axudándonos no Mercadiño de libros  que se celebrará do 21 ao 25 de outubro.
     Grazas pola vosa colaboración e vémonos no I.E.S.
      Aburiño!

 


Buscamos colaboradores para a biblioteca

       Achégovos unha noticia que poida que vos interese.

       O alumnado que queira responder a esta convocatoria que siga as indicacións que na nova se ofrecen.

       Aburiño.

Mercadiño de Libros



O  Club de Lectura do I.E.S. Lama das Quendas, A Quenda do Libro, en colaboración coa Biblioteca do Centro , promove un Mercadiño de libros  que servirá para conmemorar  o Día Internacional das Bibliotecas Escolares ( 24 de outubro ) e , ao tempo, favorecerá a convivencia  e a solidariedade entre as diferentes persoas que conforman a comunidade escolar e o gusto polos libros.
                A actividade  que terá lugar  na semana do 21 ao 25 de outubro ,consiste no seguinte: ata o día 21 de outubro, tanto o alumnado como o profesorado ou calquera outra persoa  relacionada con este centro educativo irá achegando libros que xa non utilicen (en galego , castelán, inglés, francés ou portugués),preferentemente que sexan dos prescritos nas diferentes materias impartidas no Instituto. Precisamos, ademais,  que estean en bo estado.
Os libros poden doarse ou emprestarse. No caso de facer un préstamo o libro volverá ao seu dono  ao remate do curso escolar.
O alumnado  recibirá un vale  por cada obra entregada. Poderá utilizar o seu vale para mercar ou levar en préstamo  tantas obras coma vales teña.
No caso dos adultos, as doazóns serán totalmente desinteresadas.
O Mercadiño celebrarase , durante os días sinalados, na hora do recreo no que alumnado do Club de Lectura atenderá o lugar de venda/troco/préstamo de libros, acompañados por un profesor/a.
 O prezo dos libros en venda  é simbólico e será o mesmo para todos, dous euros ou  un vale de compra, no caso dos estudantes que doaron libros.
O diñeiro recadado  axudará a financiar as actividades do propio Club de Lectura e da Biblioteca.
Dende a Biblioteca do Lama das Quendas á que pertence o noso Club de Lectura, animámosvos a participar neste mercado, tanto doando libros como mercándoos ou emprestándoos.

E viñeron os de 3º e 4º de ESO

       Ola amig@s!
      Hoxe, no recreo achegáronse ao Club de lectura os alumnos e alumnas de 3º e 4º de E.S.O. Tamén estaban convocados os de Bacharelato pero ,non sei se por esquecemento ou porque non lles interesa, non apareceu ninguén.
       
       De 3º veu un grupo ben numeroso; e de 4º uns poucos menos pero máis que o curso anterior polo que temos unha sensación ben agradable en canto ao interés do alumnado do Lama das Quendas pola lectura.
       
        Agradezo a asistencia de tod@s. Coñecía o vosa implicación no Clube ( e en todo o que se vos pida).Mais, especialmente ,quero subliñar a presenza de tres  persoas que tras incorporarse este ano ao noso instituto  amosan a súa clara intención de participar intensamente nas actividades programadas.

       Como  xa saían os últimos cando recordei o de facer a foto de rigor pois non teño testemuña gráfica , pero déixovos cunha imaxe ben fermosa e suxerente  debaixo da cal podiamos escribir , parodiando a Gandhi: Non hai camiño para os libros, os libros son o camiño.

       
       Xa me daredes a vosa opinión.
       
       Agora que xa sei con quen conto xa podo empezar a planificar así que iredes tendo noticias.

      Aburiño.

Reunión de 3º e 4º de E.S.O. e 1º e 2º de Bacharelato

       Ola amigos!
       Xa vos toca aos maiores do instituto. Agora seredes a rapazada do segundo ciclo da E.S.O. e de Bacharelato a que ten que acodir ao Salón de Actos.
     Se estades interesados no Club de Lectura e nas actividades que pensamos realizar ao longo do curso 2013-14 ven o martes, 8 de outubro na hora do recreo e así poderemos confirmar o número de participantes e recoller as propostas e suxestións para o funcionamento de A Quenda do Libro
       Agardámosvos!
       Déixovos unhas frases para reflexionar:

       Aburiño!

Éxito de convocatoria

       Ola amig@s!
       Non creo  pecar de inmodestia  polo título desta entrada xa que 85 rapaces e rapazas e 1º e 2º de E.S.O asistiron á primeira reunión de A Quenda  do Libro neste curso 2013-14.
       Mirádeos.(Aínda que algúns non se ven porque quedan nas beiras ,podédesvos facer unha idea da cantidade de persoas que estabamos no Salón de Actos).

      Foi un verdadeiro gusto ver esta rapazada disposta a traballar coas lecturas dunha maneira lúdica si, pero durante o recreo .É de agradecer.
       Por outro banda, observo que algúns alumnos que o curso anterior non participaban súbense este ano ao noso carro, o que interpreto como sinal de que a actividade vai no bo camiño e lle interesa á máis persoas.
      
      Sodes tantos que debo facer catro grupos convosco.Ireivos informando  das datas de reunión e demais actividades planificadas unha vez remate coas reunións do segundo ciclo da E.S.O. e Bacharelato que quedan por realizar.
       Con tod@s  agardamos pasar bos momentos cada  martes na Aula Multimedia do IES.
       Aburiño!
     

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India