31 mar 2017

Coñecer o pasado para comprender o presente e imaxinar o futuro

O que máis lle gustou ao  alumnado de 3º B de A voz do lago foi a existencia dese libro " maldito" que está no pazo e cada vez que se abre algo sucede. Subliñan a aparición, pouco verosímil,  de sereas que tamén apareceran en De Profundis de Miguelanxo Prado ( a súa lectura do 1º trimestre).
Decláranse afeccionad@s ás lecturas de lendas,de aventuras e ciencia ficción. 
De volta á realidade  falamos de María Mariño, a poeta que Antón Riveiro Coello converte en coprotagonista da novela. Coñecíana, e tamén algúns dos versos que coseu.E lembramos o escenario no que o autor sitúa a narración que nos levou a contemplar imaxes do Pazo de Goiáns, do seu embarcadoiro, da fonte do xardín que representa unha serea.Unha construción histórica que nos enlaza co pasado.
E neste punto recibiron unha proposta. Se puidesen viaxar ao interior dos libros (como ocorre en 2083 de Vicente Muñoz Puelles,quen deles se atrevería a "viaxar" pola novela que estamos comentando? Pois só un rapaz rechazaría a oferta. As rapazas aplaudían a idea.
Sabendo que non poderían cambiar a historia ( ao contrario do que sucede nalgún capítulo da serie televisiva El Ministerio del Tiempo), queredes saber a que libro viaxarían  de boa gana? Pois escolleron a Saga Diverxente de Verónica Roth, Palabras de Caramelo de Gonzalo Moure, Harry Potter de J. K. RowlingA Rateira, de Agatha Christie. Tíñano moi claro. A min custaríame máis decidirme.

30 mar 2017

Tristes armas se non son as palabras.

Nun día desacostumado, mércores, tivemos a reunión do club de lectura que non puideramos celebrar o día anterior por mor dunha actividade que se programou na nosa hora .Para seguir coas "rarezas" , tampouco a realizamos cada grupo por separado senón que @s de A e B compartiron espazo pola ausencia xustificada da persoa encargada de comentar a lectura con 2º A. Así que fóra de día, fóra do habitual pero coas ganas de sempre apareceron as alumnas de 2º B e pouco despois, o alumnado de 2º A para , á hora de sempre, falar de Kafka e a boneca viaxeira e A Pomba e o Degolado.
As modificacións que tivemos que efectuar para adaptarnos ás circunstancias, aconsellábannos facer unha "guerra de palabras" na defensa de cadansúa lectura. Pero a realidade levounos por outro camiño porque só unha das persoas asistentes  defendería con forza a súa novela.Así que , falamos do que non lles gustaba de cada un dos libros e do que destacaría a rapaza á que lle gustou o seu.
Con ningunha  das dúas  obras aprenderon nada que non souberan. Saben que hai situacións de bullying que temos que erradicar; que os avós son persoas moi importantes para el@s ( xa nos deramos conta cando lemos, con esta mesma rapazada, Engurras de Paco Roca); que se sofre moito cando perdes a alguén que queres xa  sexa persoa, animal ou xoguete (nas fotos incluímos as imaxes de dous peluches dos que as nosas rapazas non se queren separar);que conversar con alguén e expresar os sentimentos axuda a mellorar o ánimo e a saúde; que ten razón o avó de André, o protagonista acosado, cando afirma que  a nostalxia do que non temos connosco é "coma un traxe de talla inferior ao necesario que che preme o peito"; que ás persoas , aos animais, ás bonecas como Bríxida incluso, hai que darlles " o billete de ida e volta e que fagan o que queiran" ...
Quen diría que existían tantas coincidencias en dúas novelas tan diferentes!!! 
E , malia as súas críticas, digamos, desfavorables para estes libros, recomendaríanllos  a alguén? Pois si.O de Jordi Sierra i Fabra cren que sería interesante para alguén que perdera ou atopara unha boneca, un xoguete, para que entenda que a vida segue igualmente. A novela de Fina Casalderrey aconsellaríanlla a unha persoa á que lle gusten os paxaros, a quen sufra ou exerza maltrato entre iguais para que comprenda que se pode saír desa situación ou que non se debe acosar.
E así rematamos unha xuntanza que ía ser unha guerra dialéctica e acabou, finalmente , nun encontro cordial con  máis acordos que discrepancias. 

27 mar 2017

Reunión do alumnado de 2º de ESO e PMAR

O vindeiro martes, 28 de marzo, xuntarémonos para falar de Kafka e a boneca viaxeira e A Pomba e o Degolado
Poderemos falar do parque que visitaba Eli  para xogar coa súa boneca e dese ao que foi Andrés para choupar baixo a chuvia ( aínda que fose en lugares ben distantes e en épocas diferentes).Ou comentaremos a paixón por escribir que recoñecemos en Kafka e na avoa de Andrés.O primeiro escribe cartas e , da segunda, o seu neto cre que se convertirá nunha nova Rosalía.Ou pode que meditemos sobre as paixóns dos protagonistas: Eli adoraba escoitar historias e Andrés os paxaros.
Dialogaremos do que queirades a partir das 11:15 horas."2ºA estará na Aula Multimedia e 2ºB e PMAR na Obradoiro.
Agardámosvos!!

23 mar 2017

Teño medo da ignorancia que manifestan os que mandan

Lemos Cartas de inverno, así que falamos un pouco do autor e das súas obras; tamén doutras historias terroríficas: Drácula, Frankestein, O príncipe da brétema...
Hai anos, co propio Fernández Paz, que daquela dirixía un curso de escrita creativa, construímos un texto con todo o que nos gustaba. Hoxe fixemos o mesmo cos nos medos. A actividade consiste en repetir a estrutura sintáctica deste enunciado: Eu teño medo dos ruídos que se escoitan pola noite.
Así saíron mensaxes cheos de lirismo, de humor e, como non, terroríficos:
Teño medo dos ruídos que se escoitan pola noite, do futuro que me prepara o destino, das cadeas que te aferran ao pasado, das persoas que se levan unha parte de ti, do baleiro que se crea no meu ventre, dos amigos que contan mentiras, dos profesores que mandan moitos deberes, dos rapaces que dan patadas xogando ao fútbol, de que o Manolo medre, das serpes que son longas, dos homes que miran torto, de chorar e que non poida parar, das abellas que me provocan alerxia, da xente que ignora as cousas importantes , dos bosques que están escuros, das casas que están sen luz, das inxustizas que se manifestan a diario, das rosas que non abren os seus pétalos, do poder que teñen os cartos , da ignorancia que manifestan os que mandan.
   Aí van algúns dos medos do noso alumnado de terceiro de ESO. E vós, a que lle tedes medo?

21 mar 2017

Non deixou a ninguén indiferente

Temos  compañeir@s @s que lles encantou  A conxura dos necios de John Kennedy Toole. Consideran que é unha obra " maxistral", "inxeniosa", con moita ironía e sarcasmo. (E aquí podiamos reproducir unha restra de cualificativos que adornarían a crítica). A outr@s non lles gustou nada porque o protagonista lles resultou noxento, repulsivo; a narración moi repetitiva e o listado de personaxes inadaptados é demasiado longa. "É unha novela excesiva", resumen.
Uns/unhas leron a novela completa , con máis  ou menos desgana, e outr@s deixárona nalgunha desas páxinas nas que quedaron "atascad@s" durante varios días , sen ser quen de avanzar.
O relato gorentou a quen nos dixo, por exemplo, que o final foi fantástico porque , entre outras cousas, conta como se fixo  xustiza para tod@s especialmente para Ignatius, o protagonista. Pero para outr@s ignatius é malvado, inmaduro, nugallán, fantasioso...vamos, unha mestura de Quixote e Sancho ( todo nun) que se cre o mesías que transformará o mundo no que vive.
Con todo, as persoas asistentes concordamos en que reflicte a vida norteamericana ,a fins dos anos 50 , cunha esperpéntica galería de personaxes a través dos cales fai unha caricatura social e política  da Nova Orleans daquela época.
A obra de  John Kennedy Toole levounos a outras que mencionamos como semellantes pola historia que conta ou por como o fai, así un compañeiro recomendounos ler   Wilt, de Tom Sharpe. Seguro que máis dun/dunha seguiremos o consello.

20 mar 2017

Reunión do alumnado de 3º de ESO

O vindeiro  martes teremos a xuntanza de 3º de ESO nas Aulas Multimedia e Obradoiro.Coma sempre, será ás 11:15 h. 
Recibiremos a primavera e falaremos das cartas de inverno.
Agardámosvos!!

16 mar 2017

A xente pode cambiar

Á pregunta de: gustouvos a novela? só un rapaz contestou con rotundidade e xustificou o por que ademais de  proporcionarnos a "ensinanza" que el quitou da lectura: cre que nos Centros de Menores  hai moita xente que está alí por razóns moi diversas e, aínda que fora xente que se meteu en problemas no seu día, en calquera momento pode cambiar. Concordamos plenamente o resto d@s asistentes.
Lemos a páxina na que a autora proporciona datos reais da delincuencia de menores que el@s conectaron deseguida coa charla do Programa Ktorce18 á que asistiran e na que lles falaron das condutas infractoras dos adolescentes e das consecuencias legais e responsabilidades dos menores infractores. Están ben informad@s.
O que non lles viña á mente era o crime real  no que a autora confesa que se baseou. Quédalles lonxe e non procuraron información.
Meténdonos máis  na lectura , lembramos que Éric, o protagonista masculino, nomea ás persoas máis importantes da súa vida e a nosa rapazada fixo o mesmo despois de pensalo unha miguiña.Para tod@s, agás unha rapaza que nomeou á súa avoa, as persoas máis importantes , quen van ser??? O pai e a nai!!! Cando lles pedimos que buscasen alguén fóra da familia. Non atoparon a ninguén. Son moi nov@s aínda!
A continuación mencionáronse os libros que len os personaxes dentro da novela e, citando a frase da bibliotecaria que nela aparece, dixeron os títulos daqueles libros que os "atraparon" a el@s. Hai bastante unanimidade por iso só se nombraron :La última jungla, La tumba de Aurora K, O enigma de Caronte, A ladroa de librosCartas de Inverno.
E chegou o momento de prever o que ocorrirá máis alá da historia contada. Pasados 5 anos... seguirán xuntos Éric e Xenia? Algúns creen que "si,claro!";  outr@s pensan que "deberían seguir xuntos despois de todo o que pasaron"; e , pola contra, algunhas persoas cren que  quizás o amor cambie porque unha relación por correo electrónico é ben diferente ao trato directo.
Antes de rematar a reunión informando da  lectura   escollida para o 24 de abril para conmemorar o Día do Libro nunha xuntanza conxunta de pais,nais, profesorado e alumnado que desexe asistir, escoitamos a canción de Nito Mestre titulada El fantasma de Canterville  que lle acae moi ben a esta historia narrada. 

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India