21 oct 2016

Cada ano somos máis!

Para este curso contamos con 18 persoas no club de lectura de adult@s.  Ademais de nais e pais, outra vez temos algunha desas persoas que, sen ter vinculación directa co instituto,  quere compartir o seu tempo e as súas lecturas connosco. Estamos encantad@s!
Na reunión do pasado mércores ,dúas das persoas implicadas neste proxecto lector, transmitímoslles o mecanismo, a dinámica deste grupo do club que non amosará problema algún porque @s veteran@s, vari@s dos cales  xa levan cinco anos ( tantos como ten o club de pais/nais e adultos) , estarán  dispost@s a informal@s. Ademais fixemos un grupo de wasap que nos servirá para estar ben comunicados continuamente.( Podedes ver na foto que @s integrantes do grupo están  moi post@s nas novas tecnoloxías e facían anotacións nos seus móbiles).
Acordamos a data e hora da nova reunión e propuxemos a lectura para o mes de decembro. Leremos El cuento número trece de  Diane Setterfield.
A partir dese momento iniciamos un  intercambio de opinións sobre se preferían ler en e-book ou en papel; se lían ata a fin calquera libro ou paraban no momento en que comprobaban que non lles "enganchaba"; se lían un , dous ou tres libros a un tempo;se len novela gráfica ou non;se tal ou cal libro lles encantou...
Xa para rematar fixémoslles o carné da biblioteca a quen non o tiña e procedemos a facer o préstamo dos exemplares da novela cos que conta a Biblioteca do IES.
Tampouco desaproveitamos a ocasión de darlles a coñecer, @s nov@s, o proxecto de "Un ano de Poesía" que estamos levando a cabo en colaboración  con Televinte neste ano de Manuel María e alguén houbo que se animou  a ler un poema, que por certo xa gravou.
Coma sempre,para estes mediadores  foi un pracer  ter unha das grandes mesas da Biblioteca ateigada de siareir@s da lectura.Medramos en número de xeito importante!
Grazas e benvid@s.

20 oct 2016

Querida avoa...

Os rapaces e  as rapazas que acudiron onte mércores á reunión do club ( o martes foi festivo en Chantada) teñen poucos recordos de cando eran pequen@s. Ao máis que chega algunha persoa é a lembrar algo de cando tiña catro anos. E se miramos cara o futuro , non teñen imaxinación suficiente para  verse máis alá dos 18 anos ,salvo  unha rapaza que  se ve de avoíña " marchosa e dinámica"  facendo o que lle peta e "mandando".
Xa que mencionaron a palabra máxica na xuntanza, comezamos a falar dos avós e avoas .Tod@s conservan  polo  menos un e quéren@s moito  por iso aproveitamos para escribirlles unha breve carta ( agora que ninguén as escribe) na que lle tiñan que contar unha noticia que significase moito para  @s avós e avoas.Tod@s se dirixiron a unha  avoa.Unha persoa  non soubo que dicirlle porque di que a súa avoa non precisa de boas noticias, xa as ten a diario.Outras dúas escribiron as misivas  desde o presente  para contar que  iría para a súa casa " todos os venres " ou que  a familia está a arranxar a casa na que " ti e máis o avó vivistes durante tanto tempo".Houbo alumn@s que escribiron as súas cartas  para dicirlle a avoa que remataran a carreira de veterinaria, medicina ou que , ademais, xa conseguiran o traballo acorde cos estudios realizados,  nesta  súa vila;aínda houbo quen lle  anunciaba a súa volta á casa- non sabemos se polo nadal-  cun fermoso regalo , que a faría feliz, na maleta.
Todas estas actividades , orais e escritas, serviron para presentarlles  aos "avós e avoas" que protagonizan o libro de Paco Roca titulado Engurras  que será a lectura deste primeiro trimestre.
A rapazada de 2º A vai preparar  algo ben bonito para a reunión de novembro. Pero diso xa teredes noticia.

EU DE MAIOR NON QUERO IR

Escribo no taboleiro a palabra " engurras" e pídolles significados connotativos. Asóciana con xente maior, pel engurrada e, por que non, co outono. Comento aquel fermoso slogan de Adolfo Domínguez :"La arruga es bella", pero ninguén parece coñecelo ( se cadra xa quedou para os que hoxe temos engurras, e daquela, aínda non).
Despois de elaborar entre todos unha boa definición de Residencia de anciáns,pensamos en como animariamos aos nosos avós para ir a unha. 
Os alumnos e alumnas de 2º de ESO B diríanlles que hai enfermeiras guapas, que atoparían amigos, bailes, xogos de cartas, algunha sesión de teatro...Pero cando lles pregunto se eles mesmos quererían ir de maiores a resposta é unánime:NON."Non porque estás encerrado; non porque te atontan con pastillas para que durmas e esteas tranquilo; non porque alí hai moita xente enferma, porque sería un aburrimento, porque non estás coa familia e morrerás entre estranos..."
Indícolles que todo o que falamos son pistas pra imaxinar o título que imos ler neste trimestre; así que intentan adiviñalo con ocorrencias como :"Quero moito ao meu avó","Olvidóuseme o título" ( pois tamén comentamos a diferenza entre alzhéimer e amnesia), "Maldita residencia"... Finalmente , revelo o misterio, o título é -como non pode ser doutra maneira-
ENGURRAS

17 oct 2016

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

Nesta semana temos festivo local o martes, así que a reunión do club, cambia de día para non perder  de ler.Será o mércores porque o alumnado de 4º, que organiza eventos durante os recreos da semana , colabora connosco para que non se solapen as actividades.
Xuntarémonos o mércores, á hora de sempre, no lugar habitual co alumnado de  2º de ESO  A e B e co grupo de P.M.A.R dese nivel.
De novo faremos  dúas reunións paralelas, atendidas polo persoal colaborador do club que vos atenderá na Aula Multimedia e na Aula Obradorio.
Agardámosvos!!!
 

14 oct 2016

Trece non é mal número

Di unha frase feita que "trece é mal número se non crece" pero nós non somos supersticios@s e gústanos que trece sexan @s colaborador@s  na Biblioteca do I.E.S. Lama das Quendas  para este curso 2016-2017.
Trátase de sete rapaces e seis rapazas dos cursos de 1º,2º e 4º de E.S.O. e  dúas persoas de 1º de Bacharelato.
Agás a rapazada de 1º tod@s foran xa  colaborador@s outros anos co que xa coñecen as funcións rutineiras que hai que desenvolver.
Compre , ademais, sinalar que agás un alumno  ,@s colaborador@s pertencen ao Club de Lectura dende onde animamos sempre a esta implicación especial no espazo da biblioteca escolar.

13 oct 2016

Hai banda deseñada en galego!!!


Tod@s os/as rapac@s de  primeiro de ESO sabían antes da nosa reunión o que é un cómic ou unha banda deseñada. Iria deunos unha definición tan perfecta que semellaba que viña de estudala. Coñecen varios cómics: Mortadelo, Astérix, Zipi e Zape, Tintín... pero non sabían que temos banda deseñada en galego e con autores con recoñecemento internacional como Miguelanxo Prado. Así que, despois de falarlles un chisco do autor, convidámolos a «entrar» na Mansión dos Pampín, pero antes, en grupos de tres, cubriron o posible texto ( por suposto, sen coñecer o orixinal) da primeira páxina da historia. A intuición dalgúns grupos é impresionante! Ollade isto:








O alumnado de 1º B foi á Biblioteca para levar emprestado o libro

12 oct 2016

Enchendo bocadillos



A rapazada de 1ºA  devecía por  facer as primeiras actividades dentro do club de lectura.
O primeiro que fixemos foi falar  sobre os cómics e a banda deseñada e as particularidades desta combinación de imaxe e texto: que ten de atractivo?, que elementos se distinguen nun cómic?, como se len os cómics? Neste punto xurdiu a diferencia entre a banda deseñada máis cotiá e os mangas dos que algunha persoa afirmou ser gran lectora. Outras leran algo de Mortadelo e Filemón.
Para desenvolver a imaxinación e comezar a traballar con este tipo de publicacións , proporcionámoslles unha páxina de A Mansión dos Pampín  da que eliminaramos o texto para que el@s , sin información de ningún tipo, imaxinaran onde estaban @s protagonistas,  que lles ocorría ,que dicían... e encheran os bocadillos baleiros.
E na páxina 10  da obra de Miguelanxo Prado fixeron  que houbese un teatro, un museo ou o Banco Central e imaxinaron os diálogos axeitados para a situación creada por el@s mesm@s.
A falta de pouco tempo para rematar o periodo de lecer, dirixímonos á Biblioteca onde lles presentamos o libro que lerán no trimestre e que xa puideron levar  emprestado.
Ao comprobar que íamos ler un libro de cómic houbo un rapaz que manifestou a alegría que ía sentir  o seu pai que era lector de Astérix  e Obélix  e de Tintín  e que sempre o convidaba a que lera as coleccións que posúe na casa.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India