28 abr 2016

Un autor que casa coas historias

Gonzalo Moure visitounos no Lamas das Quendas o pasado  martes,26 de abril para rematar os actos do Día do Libro.Comezou falando ao alumnado de 1º e 2º de E.S.O. dos seus libros e o proceso creador dos mesmos, para continuar respondendo ás preguntas relativas ás  obras que xa leran del e outras que lles xurdiron  @s rapazas e rapaces no transcorrer das explicacións do escritor.
Deixounos unhas cantas "perlas" que queremos compartir con tod@s vós. 
Afirmou que nunca escribiu por obriga, "por profesión" senón que cada libro brotou dunha anécdota, dun acontecemento que viu, que viviu ; porque se declara un observador , unha persoa que escoita e di carecer de imaxinación.Por iso , para iniciar un libro  debe casar cunha historia. O que lle aconteceu con Palabras de Caramelo  motivada por unha rapaza xorda coa que se comunicaba no Sahara pola linguaxe de signos; Eu , que matei de melancolia ao pirata Francis Drake  naceu dunha frase que lle escoitou a un guía na Coruña. No caso de En un  bosque de hoja caduca   a escrita foi para render homenaxe á súa nai, xa desparecida, coleccionista de libros que tiveran no título a palabra "bosque" e nunca chegara a ter un que falara  dun bosque de folla caduca; así que ,creou este fermoso relato  con diferentes niveis de lectura , versando o máis profundo sobre ese complicado bosque interior que ten cada persoa.
Considera que a imaxinación d@s nen@s de 9 anos  é a maior que existe por iso desexa que  algún día , un científico sexa capaz de conectarse  coa mente dun nen@ desa idade @ que lle poida "absorber" a imaxinación. A combinación sería frutífera.
Ponderou o valor d@s nen@s como seres que empregan o camiño directo, tomando atallos o que lle axudou en varias ocasións na súa vida e lle serviu de inspiración para os seus libros.
Considera que "escribir cura" porque "nos personaxes metes as túas feridas e mentres curas ao personaxe, curas  ti mesmo".
Coñecemos o seu amor polo Sahara, polos animais, polos libros, polas bibliotecas ...Puidemos sentilo.
Á rapazada  recomendoulles ler  dun xeito repousado, cun dicionario  ao seu carón ( el escribe así).
Revelounos a súa frase favorita, que tomara prestada doutra persoa:"Inténtao, fracasa. Inténtao de novo, fracasa mellor". Probemos a pensar nela sabendo que vivimos nunha sociedade que  nos prepara para os éxitos pero non para os fracasos.
Todo un pracer compartir este tempo con Gonzalo Moure grazas á Editorial Anaya. Cremos que foi unha visita  ben proveitosa para a rapazada que manifestou quedar "impresionada" "polo que dicía, como o dicía, o xeito de argumentar os seus razonamentos ", por  ser "unha boa persoa, solidaria..."."Por como lles falou e do que lles falou".Mesmo o seu aspecto , semellaba  un interesante avoíño, lles resultou atractivo.

26 abr 2016

Compartindo "Mentira"

Hai xente á que lle gusta moito ler, e despois están esas persoas que son apaixoadas polas lecturas, que cada libro do que oen falar queren gozalo.Pois ben, o pasado venres , a maioría d@s presentes na biblioteca durante o recreo eramos destas ultimas.
Xuntámonos para comentar Mentira de Care Santos e a sesión comezou co resumo do argumento por parte dunhas rapaciñas de 1º de ESO ás que lles gustou moito , moito a novela aínda que lle poñen pegas ao final escollido pola autora.
En realidade tod@s @s que a lemos temos boa opinión do libro e conste que somos moitas as persoas que o lemos; moitas máis das asistentes xa que por razóns de coincidencia de actividades e  traballo houbo que non puido asistir pero si nos fixo chegar a súa opinión.
Dá tanto que conversar, hai tanto sobre o que opinar no relato de Care santos que comprían varios recreos para facelo.De calquera xeito o que nós queremos é crear unha necesidade: a de ler  e compartir o que lemos opinando.E iso lográmolo.
A rapazada , máis animada a participar, aplicou os temas que se tratan na lectura á súa vida persoal e así  soubemos cousas:
Comparan o uso que fan do seu móbil co que fai Xenia, a protagonista:eles non se separan do móbil nin cando se van deitar.Tamén  descubrimos que alí había tres persoas que non  teñen móbil propio e afirman que non o precisan.
Para Ric, outro protagonista da novela,a persoa máis importante da súa vida foi o seu curmán Ben,e para a maioría dos que estaban, fórono, ou sono, os sesu avós. Fermoso recoñecemento aos maiores!
Non queren nin imaxinarse a reacción dos seus pais se el@s confesaran que por culpa dun intenso enamoramento , as notas do trimestre ían ser malas, moi malas.Admiran a actitude dos pais de Xenia cando ela llelo contou.
Nunca tiveron problemas en internet ,pero saben que teñen que ser coidadosos.
Os dous  rapaces protagonistas son uns namorados da  lectura e dos libros e así fálannos de O vixía no centeo, de Salinger e O Principiño de Saint-Exupery.@s nos@s tamén falaron deses libros que tanto lles gustaron e non poden esquecer, por exemplo La última jungla, de Mar Cole ; La tumba de Aurora K, de Pedro Riera; El Príncipe de la niebla, de Ruiz Zafón e , acabou explicando a súa preferencia por La ladrona de libros,de Markus Zusak outro rapaz.
Xa non había tempo para máis porque o timbre reclamábanos na rutina das clases, pero aínda quedaron rapazas buscando O Principiño e O vixía no centeo para levar prestados e un pai buscando aqueles que recomendara o noso alumnado.Este , comprenderedes, foi o momento máis gratificante: un libro lévate a outro.O dito, uns apaixoados pola lectura.

25 abr 2016

Encontro da rapazada de 1º e 2º de ESO con Gonzalo Moure

Para continuar coas actividades  do Día do Libro 2016, o vindeiro martes, 26 de abril, estará no noso instituto o escritor Gonzalo Moure quen terá un encontro co alumnado de 1º e 2º de ESO,ás 11:45 no Salón de Actos do instituto.
A rapazada de 1º leu neste curso En un bosque de hoja caduca e a de 2º, Eu ,que matei de melancolía ao pirata Francis Drake e ademais coñecen , por teren lido, os titulados Palabras de carameloOs cabalos do meu tío  do mesmo autor.
Na nosa biblioteca hai todos os libros de Gonzalo Moure que vedes na fotografía. En galego e castelán. Se queredes ler algún, xa sabedes que facer.
Por xentileza da Editorial Anaya , Gonzalo Moure falará co noso alumnado que , ben seguro, terá moitas preguntas que facerlle sobre a súa escrita, os seus libros e moitas outras cousas.
Contaremos como foi.

23 abr 2016

Día do Libro 2016

"para cada un de nós hai un libro" di Pedro Feijoo no texto co que agasalla ás Bibliotecas escolares de Galicia no Día mundial do Libro e dos dereitos de autor  2016. Concordamos totalmente.
Engade que , un libro  non vale de nada "se non nos atrapa". Nós queremos que sexades atrapados por moreas de libros , por lecturas que vos "convertan en mellores persoas, máis grandes, máis capaces, máis vivas" como di o autor de Os fillos do mar, quizais ese libro que andabades a buscar.
E para que o desexo de Feijoo, Pedro Feijoo, sexa unha realidade, non é necesario que apareza o xenio da lámpada , abonda con coller un libro do noso andel, da biblioteca, da librería, da casa dun amig@... e porse a ler porque o que ben busca, algo sempre atopa.
Feliz día do Libro para tod@s os que os amamos!!!
 
 

21 abr 2016

O noso universo non é rosa. Nin azul.

Traballar con  Penúltimas tendencias de Carlos Negro e coa rapazada de 4º foi ben doado.
Comezou a sesión do martes co intento de explicación do título do libro  e, deseguido, pasamos a comentar  algúns dos  poemas como "Post-it " que nos serviu para facer a convocatoria da reunión e "Barbie girl" que recitamos coa  mente posta en "Longa noite de pedra" de Celso Emilio Ferreiro e os cárceres reais e figurados que nos privan de liberdade ao longo da nosa vida.
Chegou o turno de manipular outros dous poemas e así transformamos o titulado "Fóra de onda"  nun texto escrito ,moi en sintonía  cos tempos que corren , nun galenglish que chegou a ter , nalgún caso, expresións en  francés para poñer de manifesto o  dominio dos idiomas por estes lares.( Será por iso polo que a Consellería non aproba que  no Lama das Quendas teñamos escola Oficial de Idiomas?) O outro poema traballado  foi o titulado "5 razóns polas que cortaría contigo" que nós , con todo o amor do mundo, transformamos en " 5 razóns polas que NON cortaría contigo".
O resultado deste obradoiro de poesía, as creacións destes rapaces e rapazas , foi interesante. 
Poderedes velo axiña.Mentres, homes e mulleres, rapaces e rapazas pensade que sodes únic@s, intelixentes e libres polo que debedes rachar cos estereotipos e non  permitir ningún tipo de escravización.
Confiamos en vós!!

20 abr 2016

Reunión conxunta dos grupos do Club

O curso pasado, 2014-2015, puxemos en marcha unha actividade conxunta de todos os grupos do noso club de lectura.A experiencia gustou tanto que quedou xa sinalada no noso calendario de reunións.
Escollemos un libro, sempre tendo en conta que os posibles lectores/as  están en idades comprendidas entre 13  e 18 anos , o alumnado , e ademais asistimos @s adult@s. Lémolo @s que queremos  e un día, o día do libro, reunímonos para comentalo.
O título deste ano é Mentira, de Care Santos.O argumento é o que segue:
Xenia loita por sacar as mellores notas porque quere estudar medicina e precisa boa puntuación, pero ultimamente as súas notas están baixando.É que Xenia está namorada , pero non dun rapaz coñecido , senón dunha pantasma, dunha voz que xurde de internet coa que comparte a súa paixón pola lectura. Como Xenia é moi decidida e o seu amor virtual se nega a unha cita, proponse sorprendelo e inicia averiguacións ,cos poucos datos dos que dispón, para dar con el.
E todo resulta ser falso, unha mentira, nin a foto , nin o nome son reais . Quen é en realidade a súa alma xemelga? Arrepentida polo abandono dos estudos confesa todo aos seus pais , segura de ter sido víctima dalgún desprensivo .Pero pronto un paquete que lle chega, vaille revelar a identidade do mozo co que compartiu tantas emocións.

Moita rapazada xa nos fixo chegar as súas impresións polos corredores, pero o vindeiro venres,22 de abril,  ás 11:15, na biblioteca do centro compartiremos un tempo de lecer manifestando as nosas opinións sobre a novela lida.
Anímate a participar. Se non a leches , aínda estás a tempo que é breve e atrápate en canto comezas...

Cervantes e Shakespeare , dous xenios

Segundo día de actividades no Club de Lectura e a Biblioteca do noso instituto.
Ademáis da reunión programada organizamos o mural do noso taboleiro  que quedou como podedes observar nas fotografías que recollen o motivo central do mesmo con don Quijote e Sancho, e un lateral no que aparecen Romeo e Julieta ademais de Hamlet.
Velaí vai un recordatorio dalgunhas frases que aparecen nas obras dos dous autores homenaxeados e que foron escollidas pola nosa rapazada.

Dicía Cervantes no seu Don Quijote: "Dad crédito a las obras y no a las palabras."  "Amor y deseo son dos cosas diferentes; que no todo lo que se ama se desea, ni todo lo que se desea se ama."  "¡Oh envidia, raíz de infinitos males y carcoma de las virtudes!" "Bien predica quien bien vive."

Pola súa parte, Shakespeare escribiu no seu Hamlet :“Parece natural na vellez excedernos na desconfianza, igual que é propio dos xóvenes andar escasos de xuizo.” “Cun cebo de mentiras pescas o peixe da verdade.” "Sabemos o que somos; pero non o que podemos ser." "Cando as penas atacan,fano non como un espía solitario, senón en batallóns."  

Sabias palabras destes dous xenios da literatura universal.

Dan para pensar un anaco, non?

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India