19 dic 2013

Obradoiro de cómic

     Actividade satisfactoria e entretida para o alumnado de 2º de E.S.O esta de traballar cos cómics.
   Traballamos o libro de A Mansión dos Pampín do  magnífico Miguelanxo Prado ,  despois de lelo e comentalo, quixemos darlle outra volta polo que realizamos dúas actividades diferentes.
   Por un lado, dado que o cómic está na rede en PDF, foi doado eliminar o texto  dos bocadillos do Capítulo I  e ,por grupos , a rapazada tivo que inventar un novo texto para as imaxes.
    Hai algunha moi boa e así o notario e a curmá dos Pampín pasaron a ser o xinecólogo e a súa colega ou o director do instituto e unha profesora ofendida,por exemplo.
     Mirade como traballaban:


      Por outra banda,co alumnado de 2º B complicamos un chisco a tarefa.Había primeiro que ordenar  ao gusto as  viñetas das páxinas 13,14 e 15 do mesmo cómic e , ademáis, engadirlle un texto acorde coas imaxes.
       
        Así o fixeron:



       Foi unha gratísima experiencia  que paga a pena repetir.
     Con isto damos por rematado o traballo deste numeroso grupo de rapaces neste primeiro trimestre do club de lectura.
   

18 dic 2013

Voltarán os libros a Guntín

Voltarán os libros emprestados
a Guntín, a súa casa voltarán
e, outra vez, nas vosas mans
aos vosos engaiolarán; 
pero o que nós lemos
en Chantada, antes do Nadal,
esas fermosas historias
esas... quedarán!


Voltarán á casa , coma case todos, polo Nadal.Xa están convosco.

Grazas ao CEIP Tino grandío e, en particular a Silvia, María e Maribel.
Felices festas.

17 dic 2013

Quen sabe máis de Tres Pegadas?

       Os de 1º A e 1º B de E.S.O xuntámonos hoxe no Salón de Actos, único espazo no que caben os  corenta e sete alumn@s  cos que ,durante o recreo , falamos deste libriño de relatos que  lles gustou.
     O relato que mais lles agradou foi o de Fina Casalderrey titulado Medo eu? Logo, cos outros dous había discrepancias.Uns afirmaban que  O vagón que perdeu o tren era máis fermoso que Marica Soliña pero  outros opinaban o contrario. Isto é cousa de sensacións e, sen saber por que en moitos casos, eliximos un relato ou outro. 
      De seguido pasamos a facer un pequeno concurso por grupos.Eran nove grupos de cinco ou seis membros e debían responder a dez preguntas. Cada pregunta valía 10 puntos e , en caso de empate,resultaría  gañador o equipo que respondera en menos tempo. 
     Velaí o equipo gañador   formado por Vera, Julia, Brais, Iago, David e Sheila de 1º B de E.S.O  que , a pesar de ter os mesmos puntos que outro equipo de 1º A, foi máis rápido en responder.



        Agora mirade un plano xeral de tódolos grupos traballando.

       E,finalmente cada un dos grupos  inmersos na resolución das preguntas formuladas.


      Segundo contan pasárono moi ben e tiven que botalos , literalmente, do salón porque querían prorrogar o tempo do clube.
     Para eses que se viñeron desculpar porque , para o seu desgusto, tiñan que ir ao médico, un saúdo e non vos preocupedes.Poñédevos bos e  xa viredes  á seguinte reunión.
      Parabéns aos gañadores e... a seguir lendo!
     Aburiño!!

16 dic 2013

O faladoiro d@s profes

       O venres,11, na hora do recreo xuntámonos un grupo de profes dispostos a darlle outra volta  ao torniquete ao libro de Henry James do mesmo título.
     Para tod@s un libro "raro".Para os que estabamos e para os que ,por  deberes inexcusables, non puideron asistir á reunión pero cos que tamén fixemos comentarios nos periodos de lecer ou por teléfono.(Isto de comentar lecturas é un vicio! )
     Tivemos en conta a época na que o libro se escribiu e o lugar, a Inglaterra victoriana e os tópicos que  emprega o autor (por exemplo, manuscrito  no que a institutriz narra o que aconteceu en primeira persoa e chega ás mans dun personaxe , Douglas, que nos anticipa que imos ler unha  historia ben tenebrosa.) 
       Mencionamos que esta lectura nos lembra películas coma Los Otros de Amenábar ( dise que se inspirou nesta obra) e somos conscientes de que hai un par de películas tituladas coma o libro pero que ninguén de nós viu ( nesta ocasión) porque non deixan de ser, cremos,versións do director/guionista do film  e o libro mantén tanto o suspense que... so serían unha interpretación máis.
        E tras estas, digamos certezas, todo o demais foron interrogantes que fomos lanzando ao aire e que , fala falando, intentamos aclarar.
       Chamadenos o que queirades pero para nós  aparece de fondo o grave delito dos abusos sexuais que parece sufriría Miles por parte de Quint y, quizás , da señorita Jessel. O asunto da homosexualidade  ( que nos lembraba a El retrato de Dorian Gray) tamén se pode intuir.
        Chegamos, algúns, a dubidar quen está vivo e quen non.Debatimos sobre o poder que exercían "os mortos" sobre os rapaces.Preguntámonos que saberían realmente cada un dos personaxes da novela.Sorprendémonos pola actitude do tío de Miles e Flora.Recoñecemos a estes dous irmáns coma instrumentos diabólicos manexados polos defuntos Quint e a súa amante .Angustiámonos ás veces polo terror psicolóxico ao que nos someteu o autor.Enfadámonos nalgúns fragmentos pola dificultade na lectura ao insertar pensamentos no medio dos diálogos.Aledámonos cando a institutriz alonxa da casa a Flora coa Sra Grose  e se interpón entre a pantasma de Quint e Miles. E, finalmente , concluimos que ese final aberto no que descoñecemos realmente que foi de Flora e da propia institutriz , e outros varios detalles nos deixa intrigados e elucubrando.
       Foi interesante esta sesión porque como tod@s tiñamos moitas dúbidas,diferentes interpretacións... tod@s tivemos algo que dicir.
       E así, con bo sabor de boca, chegou o timbre a traernos a crúa realidade e cada quen marchou ás súas tarefas.

      Nós, facendo honra ao título lido, tamén procuramos axustar un pouco máis a torniqueta coa análise feita.
       Ata á próxima reunión.
       Boas lecturas!
 

    
        











Feira Solidaria no Lama das Quendas


       Ola amigos, amigas,pais ,nais!
      Teño un encargo para vós tod@s pero sobre todo para eses pais e nais que están pendentes deste blog e  que nos seguides. Precisamos que corrades a voz, que funcione o boca-orella e que a feira sexa todo un éxito porque a ocasión ben o merece.Ademáis tamén hai libros polo medio.
       O cartel xa volo di todo:
 

      Velaí unha fotofrafía do mercado do curso anterior.


         A vosa colaboración  é moi valiosa. Achegádevos nos recreos , a partir do mércores,  ao instituto e axudádenos porque tod@s somos "salvadores" do  Lama das Quendas.

           Grazas solidarias! 
        


15 dic 2013

Reunión de 1º A e 1º B de E.S.O.



       Ola!
       Deixo aviso.
        Vémonos!!

12 dic 2013

A Revolta na Granxa cos pais e nais

       O grupo de pais e nais do Club de lectura quedaramos para onte, 11 de decembro na Biblioteca do I.E.S. para comentar Rebelión en la granja/A revolta dos animais.E ,salvada a primeira confusión coa hora acordada, entramos con ansia de falar  desta obra que, case 70 anos despois da súa publicación, parecera un retrato da  sociedade na que nos toca vivir.

       A tod@s nos gustou esta lectura.Aos catorce pais e nais presentes  e a outras catro nais que me consta que leron o libro e se desculparon por non poder asistir.( A vida de pais e nais e moi dura e moi imprevisible,estamos de garda as 24 horas do día e nalgún nós saen as cousas como quixeramos).

     Axiña comezamos o faladoiro.
       
      En principio que sexan porcos e cans os que mandan non nos pareceu nada raro. (É literal, pero admítense interpretacións ao gusto). Que as ovellas sexan uns borregos...pois tampouco.Que cada animal represente unha actitude e uns valores de sobra utilizados na sabedoría popular, coma nos refráns,  gustounos.

      E agora ...ataquemos ao poder.Napoleón era un porco mandón que se "colocou" moi ben na nova aventura de autogobernar a Granxa Manor, perdón, a Granxa Animal. E rodeouse doutros cochiños que lle facían o traballo sucio ou o traballo de "pensar".E iso que comía máis que os outros porque facía un traballo "cerebral"!
        Napoleón "botou aos lobos" a Snowball porque lle facía sombra; utilizaba a Squealer para convencer aos seus gobernados  e "facerlles ver o negro branco"; rouba as ideas de outros e despois preséntaas como propias;nomea un comité de porcos que tomarán todas as decisións baixo a súa batuta e sen participación dos demais ;emprega sempre a teoría da conspiración; ordena esnaquizar aos que desobedezan;reduce as racións de comida pero so son "reaxustes";envía  ao traballador incansable , aquel que sempre creu nel, ao matadoiro sen compaixón... E mentres o vello burro , coma se dun avó sabio se tratará ,le con claridade o escrito e a situación xerada.

       De verdade que estou a falar da lectura que fixemos.
       Entre os animáis que mais gustaron  Clover, aquel cabalo que soñaba con un mundo de iguais onde cadaquén traballase segundo a súa capacidade  e Benjamín, o burro que ,por vivir tantos anos, agarda que,coma sempre, o tempo poña a cadaquén no seu lugar.

     A reunión animouse bastante , incluso faciamos comentarios en grupiños, inequívoco sinal de que todos tiñamos algo que dicir.

        Os e as da fotografía quedamos de ler Cometas en el cielo de  Khaled Hosseini. E tod@s os que queirades lelo poderédesnos  acompañar cando o comentemos.

           Pasamos unha boa hora. Grazas por vir , por ler, por compartir...
       Aburiño!

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India