12 may 2016

Palabras, palabras, palabras...

Ai , que importantes son as palabras!!Nisto estamos  de acordo rapazada e mediadoras. 
En Para cantar e contar , varios autores cóntannos e cántannos diferentes textos. Destes  , o alumnado de 1º de ESO non entendeu o de Mª Dolores Ruiz : Lucas, o vampiro do leite.Falando , falando  chegaron a comprendelo, pero aínda así non lles gustou.
Bicos, bicos e máis bicos, de Antonio García Teijeiro xa lles agradou máis , aínda que opinan que se trata de poemas demasiado chuchóns.
Sonsonetiño de Xoán Babarro González e Palabras de Gloria Sánchez García parecéronlles estupendos.Gozaron con eles.
Sospeitabamos que esa sería a opinión maioritaria sobre os textos de lectura  así que prepararamos actividades relacionadas coas palabras de Gloria Sánchez que debuxaron como podedes ver nas fotografías. A que son orixinais?
 











Fixeron unha escolla de palabras que lles gustaban.Unhas polo que significaban, outras por como soaban.A listaxe contén variedade: amor, cariño, durmir, comer, moza, amistade,covardía,flor,morriña, amabilidade, chorima, bágoas,Belesar...
E para finalizar,neste  dez de maio, a partir dun "chuvioso" poema de Antonio García Teijeiro (acorde co tempo que padecemos),construímos outros que quedaron tan do agrado da rapazada que houbo disputas para poder lérllelo @s compañeir@s.Nuns días faremos unha entrada coas creacións destes artistas. Eu gardareinas, quen sabe se nuns anos adquiren renome e podo presumir de ter un valioso poema manuscrito que tod@s cobizarán!!!



10 may 2016

Encontro co autor Xabier Quiroga

Gústanos tanto ler!! Se non fose así , non levariamos todos estes anos lendo e xuntándonos para falar do que lemos.
A lectura é o noso vicio, ou un deles polo menos.E so hai algo que nos guste tanto como mergullarnos nun libro: poder compartir con alguén coma nós, ávidos lectores,  o que pensamos, sentimos, gozamos ou padecemos con ese libro.
Chegou , pois, a hora de  facer o propio con Izan o da saca de Xabier Quiroga. A reunión terá lugar o vindeiro xoves,12 de maio, ás 17:30 horas, na Biblioteca do instituto.E será unha reunión atípica, na miña opinión, unha xuntanza con premio porque a compartirá connosco o autor mecionado: Xabier Quiroga.
Estou segura de as persoas que conformamos este grupo  gozaremos coa súa presenza,coa súa compaña e coas súas palabras igual que o facemos coas súas obras. Será unha xornada perfecta!

9 may 2016

Reunión do alumnado de 1º de ESO

Hai polo menos vinte anos, un avó prantou unha ameixeira diante da atenta mirada do seu neto pequeno. Pepe, que así se chamaba o home , explicoulle ao  neno que a estaba prantando  para el, que a ameixeira , daquela pequeniña coma o neno, iría medrando coma el e que  axiña daría froitos que lle habían  agradar.O regalo encantoulle ao rapaz que dende o primeiro día cumpriu o mandato do avó porque a tiña que coidar e protexer.Era frecuente ver ao neno abrazado á pequena ameixeira falándolle , dándolle explicacións polo que facía , pensaba ou quería.A imaxe non está rexistrada, quizais daquela era menos doado fotografiar todo y a todos coma se fai hoxe, pero a ameixeira aí a tedes na foto, e o neno  na actuialidade non é tan grande como a ameixeira pero  medrou abondo. Xa non coida da ameixeira porque está estudando fóra e porque outro o fai por el, pero ben que lle saben as ameixas no verán.Cada unha que come énchelle a boca da dozura da froita e o espírito de nostalxia. 
Que vos parece a historia?Hai algo nela imprescindible: as palabras.As palabras que nos serven para comunicarnos, para alegrarnos, para enfadarnos... en definitiva para cantar e contar, como se titula o libro de traballo deste terceiro trimestre.
O vindeiro martes, 10 de maio, na reunión do alumnado de 1º a e B de .ES.O. será o que fagamos : empregar as palabras para cantar e contar.Igual falamos de ameixeiras que teñen froitos raros que parecen libros.
Agardámosvos.

7 may 2016

XII Semana da Poesía no Lama das Quendas

Celebrouse nestes días a XII Semana da Poesía  no noso centro. O alumnado de 1º de bacharelato , baixo a batuta da súa profesora de Lingua Galega , e mediadora no noso club de lectura, organizou unha serie de actividades nas que toda a rapazada do centro participou por quendas seguindo as  indicacións dos artistas.Porque fan verdadeira arte conxuntando literatura, música, artes plásticas, cine ...
As poesías de diferentes autores foron o punto de partida para deseñar os proxectos que , por rincóns,  enchían o espazo do salón de actos..
O alumnado de 1º de E.S.O.  que vedes nas fotos, quedou impresionado pola mestura de actividades coas que se atopou ,e participou activamente nas mesmas.  
Houbo ademais un obradoiro de poesía e un botellón poético.
O encontro co autor que ía ter lugar o martes pasado , por problemas de saúde do poeta , foi suspendido  e terá lugar calquera día en canto se recupere.Así que aínda nos queda por vivir a visita de García Mc.
Para gozar desta semana había que estar no Lama das Quendas, non vale que volo contemos, pero  como unha imaxe vale máis que mil palabras:velaí van algunhas.
Noraboa a alumn@s e profesora!!
 










5 may 2016

Makinaria con música

Púxemoslle música aos poemas de Makinaria. A rapazada, sen previo aviso,  atopouse con que tiña que buscar unha melodía para o poema  titulado " SOUND PLAY SESSION.VOL.1".
Unhas persoas entregadas á causa musical, outras vergoñentas. Algún grupo que deseguida xuntou letra e música, outros que non atopaban xeito... así , devagar , para levarlle a contraria  ao poemario de Carlos Negro, cada grupo escolleu o ritmo  que lle apeteceu. Pagou a pena o"festival".Tivemos dende rock duro ata hip-hop pasando por ritmos máis melódicos.E ao final  de cada interpretación os aplausos e as risas  enchían a aula. Debemos dicir, por non faltar  á verdade, que a versión roquera foi a máis admirada.
Xa para  rematar realizamos unha actividade  na que o alumnado puido comprobar que ,ás veces, coma o rapaz " protagonista" de Makinaria  oímos o que queremos e non escoitamos aos demais ( aínda que teñan razón). Así, co poema titulado " Nota necrolóxica" fixemos un dictado verso a verso , boca-orella sendo, ao final da cadea, escrito nun folio pola derradeira rapaza.As palabras corrían a ritmo vertixinoso  e ,aquí cómpre dicir que ,calquera parecido do poema que chegou  co orixinal , é pura coincidencia.
 Quixemos gozar coa poesía e parece que se logrou!




 

4 may 2016

O pouso do encontro con Gonzalo Moure

Gonzalo Moure asinando libros
Invádenos a agradable sensación de ter compartido o noso tempo e o noso espazo cunha excelente persoa do que coñeciamos a súa obra e agora, ademais, admiramos polo que nos contou. É un engaiolante orador que co seu xeito de expresarse cativa ao auditorio.
Ao respecto do noso encontro non queremos deixar de contar algo máis. Por exemplo ,que Gonzalo Moure achegouse á nosa Biblioteca onde admirou os carteis  nos que estamos lendo baixo unha árbore  e onde se abraiou coa gran fotografía na  que  se pode contemplar aos lectores na carballeira que temos no recinto escolar, a nosa Carballeira(con maiúsculas) : un fermoso bosque de folla caduca.Alí asinou os libros que temos da súa autoría.
Sucedeu tamén  algo anecdótico que se Gonzalo Moure coñecese , quizás lle inspirara un novo libro . Unhas das rapazas asistentes comentou que  lle gustara moito a actividade " porque o escritor é moi simpático.Despediuse de min dándome a man e eu quedei sorprendida. Sempre pensara que os que escribían libros estaban todos mortos." Cándida inocencia!!!
E a visita deste escritor tivo algunha outra consecuencia. Agradable, por certo. Varios rapaces e rapazas falan da intención de ler outros libros de Gonzalo Moure despois de escoitalo falar deles respondendo ás cuestións  que lle formularan outr@s compañeir@s . Bendito interés!! 


Geranium adicado  aos nosos lectores
 Los caballos de mi tío  asinado para a rapazada lectora



2 may 2016

Reunión do alumnado de 2º de E.S.O.

Con frecuencia non podemos escoller o que nos vai pasar , pero actuar dun xeito ou doutro pode contribuír a que teñamos un tipo de vida ou outra, ou teñamos un desenlace ou outro.
O vindeiro martes, 3 de maio , o alumnado de 2º de ESO traballará co libro de poemas titulado Makinaria de Carlos Negro na Aula Multimedia, ás 11:15 h.
Será " unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos".

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India