24 feb 2016

Eso está pasando...

Caso clarísimo de acoso escolar. Situacións  que non gustan á rapazada de  1º A  pero recoñecen que o libro  , Nata y Chocolate de Alicia Borrajo , lles gustou moito. 
Será que, reflectindo situacións tan duras  e violentas ,non hai esceas  agresivas . Será que  estas rapazas e rapaces están bastante sensibilizados co tema, que saben está pasando  polo que oen nas noticias. Sexa polo que sexa   consideran que foi moi interesante lelo.
Dálles pena que, por ser diferente, se ataque a alguén.Eles non coñecen persoalmente a ninguén que sufra acoso pero lamentan eses intentos de "insultar" por parte dalgunhas persoas cando te chaman gafotas ou boliña.E dicimos "intento" porque , moi maduros eles e elas, cren que non ofende quen quere senón quen pode; e que non hai mellor desprezo que non dar aprezo; e que   os demais poden dicir como me ven pero non necesariamente son así. 
Deu tempo a conversar sobre a diferenza entre rirse con... e rirse de...Quixemos criticar aos personaxes do libro  que, ao comezo, todos ,contribuían a que Sonia tivera "morcegos" que a mordían na súa barriga.Puidemos  falar das simpatías que despertaron Inés e Juan... e das malas persoas que eran    Lola e Álvaro , co agravante de que este era un adulto que debía velar porque nunca ocurrise o que sucedía .
Quedounos a tod@s moi clariño que situacións similares, calquera que sexa a súa gravidade, hai que cortalas de raíz , se nos pasara debemos falalo e se vemos a quen lle ocurren non podemos permitir que sucedan:sempre hai que actuar contra o  acoso.
Foilles doado de ler e tiñan pena por non coñecer máis historias dos personaxes. Calmeillela un pouco cando lles falei de Nata y Chocolate invencibles     , libro no que seguen sendo portagonistas Sonia e os seus compañeir@s de clase.
Sei cal será un dos libros máis emprestados  estes días na biblioteca!                                                                                       




22 feb 2016

Unha semana de actividades

Nesta semana que acaba de comezar  , haberá moitas actividades no club de lectura.
O martes é a reunión do alumnado de 1º de ESO para comentar Nata y Chocolate, de Alicia Borrás.Ás 11:45 , nas aulas habituais, será o momento de manifestar as  opinións persoais sobre a lectura .Trátase dun libro no que, como dixo unha alumna o curso pasado, se fala de temas moi serios e dolorosos pero a autora consegue tratar o tema sin que a violencia  chegue a facernos dano.
O mércores,24 de febreiro temos a reunión de pais ,nais e amigos do club de lectura na biblioteca do IES. Terá lugar pola tarde, ás 17:15 e, no tempo que dure a xuntanza, ben sei que, coa mente, estaremos en Fernando Poo con Kilian , Jacobo e os demais personaxes da novela de Luz Gabás que comentaremos:Palmeras en la nieve.
E chegaremos ao xoves, día no que o alumnado de 1º e 2º de E.S.O terá , por aula, unha sesión de animación á lectura  a cargo de Benjamín, unha persoa enviada pola editorial Edebé para traballar de xeito lúdico dúas novelas que leron: Al sur de ninguna parte, de Jordi Sierra i Fabra e As lágrimas de Shiva,de  César Mallorquí.
Agardamos que gocedes coas actividades!

18 feb 2016

Iguais pero non idénticos

Arelaban comentar xa o libro deste trimestre, pero moitas persoas aínda non o leron  así que gardaron as ganas e  a conversa desvoiuse cara o tema da desigualdade entre homes e mulleres, e os malos tratos, en xeral.
Algúns rapaces e rapazas  teñen detectado, ou mesmo sofren, un trato diferente por parte dos pais e nais en función do xénero da persoa. Outr@s non perciben tales situacións.E para exemplificar o relatado ,comentáronse anécdotas que revelan canto traballo queda por facer nesta sociedade para que sexa máis xusta.
O considerar ás persoas desiguais en función do seu sexo adoita derivar , en demasiadas ocasións, nun maltrato.
As mediadoras aportamos datos sobre o maltrato ,as denuncias diarias, as ordes de afastamento que se dictan cada día,o número de mulleres mortas a mans das súas parellas ,a cantidade de  homes que cumpren condea nestes momentos por ser agresores...
O grupo opina que os maltratadores teñen un verdadeiro problema que non xurdiu por xeración espontánea senón que , probablemente esas accións  son habituais para eles porque no seu arredor se producían con relativa frecuencia . Imitan e repiten comportamentos reprobables.Amosan condutas  que , por desgraza , moitas persoas aplauden e , ás veces, mesmo animan con cánticos  cheos de insultos que ofenden a dignidade das mulleres  e que , coa proxección da televisión e o fútbol ( combinación que se está dando ) chegan aos fogares.
O tempo non deu para máis e mesmo sen foto do grupo, correron ás aulas onde, para aliviarse da carga emocional da reunión, tiñan exame de matemáticas.

15 feb 2016

Reunión do alumnado de 4º de ESO,P.D.C. e E.S.A.

Mañá martes, 16 de febreiro, ás 11:15 h. terá lugar a xuntanza do alumnado de 4º de E.S.O. 
Quedades , por tanto , convocadas tantos as persoas do P.D.C. como as de E.S.O. e E.S.A. ( ensinanza á que se cambiou algún dos alumnos do grupo).
A sesión, que aínda non será para comentar o libro  , si será para traballar a igualdade e xustiza  entre as persoas para un bo desenvolvemento dunha sociedade que amosa moitos  defectos nese sentido.
 Deixámosvos imaxe para pensar:

Agardámosvos!!! 
 

5 feb 2016

Facendo camiño

Se concordamos con Mahatma Gandhi e cremos que non hai camiños para a paz porque a paz é o camiño, a comunidade educativa do I.E.S. Lama das Quendas  encheremos o traxecto con vinte e nove valores que consideramos imprescindibles.
Se quixeramos facer un combinado cos nosos desexos, apreciamos que o amor debe formar parte dese cóctel nun 20% e a amizade nun 16%. Doce de cada cen persoas di que o respecto non pode faltar e un 8% pensa que a xustiza  é necesaria. Ademais debemos engadir solidariedade, tolerancia, honestidade e bondade nun 5%. Ten que levar un 2% de tranquilidade, comprensión, altruísmo, compañeirismo, humildade e nesa mesma proporción, temos que saber compartir. Case rematamos a beberaxe  pero fan falla unhas pinguiñas( 1%) de confianza,liberdade de expresión, sinceridade, caridade, simpatía, cooperación, coherencia, civismo, conciencia, paciencia, saúde, diálogo, educación  e harmonía.
Con estes ingredientes alguén dúbida do éxito?
So resta poñerse mans a obra e devagariño fagamos un bo camiño!!!
 

4 feb 2016

A memoria das palabras de amor

Quen de cativo non se entretivo con ese  xogo de mesa que consiste en emparellar cartas? Case todos temos experiencia con esa actividade na que se poñía a proba a nosa capacidade de recordar o lugar  no que quedaban as cartas que precisabamos para formar parellas.
Pois nese "memorion" foi no que nos inspiramos para a sesión do alumnado de 3º que ,por razóns de  "loxística" ,debía compartir local de reunión o pasado martes,2 de febreiro.
Eramos moitísim@s pero a rapazada organizouse deseguida en canto lles proporcionamos as cartolinas dun vermello intenso como corresponde á cor dos namorados (por asociación coa cor do sangue do corazón e todo iso).
Fixeron os grupos baseándose na súa  disposición na aula, sen ningún problema e procederon a  buscar parellas.Pero non parellas amorosas. Tampouco pares de cartas iguais senón complementarias: buscaban títulos de libros de amor e debían atopar as dúas partes nas que dividimos eses títulos, levantando por quendas os cartóns.
Dobre dificultade: recordar, facer traballar a memoria ,e, por outro lado,  recoñecer os títulos ( palabras de amor) de libros que poderán atopar na biblioteca  e que estarán nun lugar destacado  na semana próxima para conmemorar o San Valentín, día dos namorados.
Xa   metidos en faena, houbo grupos que axiña remataron , outros que non o lograron e mesmo algún houbo que reinventou o xogo facéndoo menos competitivo e máis colaborativo.Sempre nos ensina algo esta rapazada!!
Rapaces e rapazas ,durante o xogo,ademais de risas e complicidade,compartiron    comentarios sobre os libros que coñecían de xeito que invitaban @s compañeir@s a lelos, se tiñan ocasión.

1 feb 2016

Reunión do alumnado de 3º de E.S.O.

Rapaces de 3º, rapazas de 3º , lembrade que o vindeiro martes, 2 de febreiro teremos  a reunión do Club de Lectura, ás 11:15 h na Aula Multimedia.
Faremos reunión de todo 3º , os tres grupos: A, B e P.M.A.R., porque nos gusta realizar actividades conxuntas que nos permitan convivir , fóra das divisións por aula, para gozar da compañía duns e outras.
Se acabou a Semana da Paz  , estamos pretiño do entroido e se achega  san Valentín...que faremos???
Pensade, pensade ... A ver se atinades.

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India