4 mar 2013

Os pais e nais comentan Ollos de auga

          


          A tarde do  pasado xoves, 28 de febreiro,a Biblioteca do Lama das Quendas   recibiu ao grupo de pais e nais ( algúns dos cales podedes ver na foto)  que acodían para comentar  a primeira novela de Domingo Villar Ollos de Auga.

            Era un autor que non coñecían  e  atopamos unha pequena dificultade ao comezo porque algúns dos asistentes non len en galego , ben porque non son nativos da terra , ben porque  non foron escolarizados en galego. Así que  andamos á procura do texto en castelán máis non  fomos quen de atopar os exemplares suficientes para os dezasete membros do clube. Logo , agás unha nai, tod@s lemos en galego. E a experiencia foi fantástica  porque se decataron da facilidade do texto  e  , adiantando acontecementos, gustoulles tanto  a lectura recomendada que  moitos  leron tamén  a segunda entrega do inspector Leo Caldas en A praia dos afogados que aínda lles gustou máis.

      A reunión deu para comentar que se teñen rido con ganas coas dificultades de Estévez, o policía maño que non da entendido a idiosincrasia galega. Certamente  saen varios tópicos sobre Galicia e os galegos, pero é que somos así, é que temos unhas paisaxes e uns productos  que ben coñecen os de fora por iso nos visitan tanto. 

          Todos os personaxes que aparecen no libro, agás  Rafael Estévez, están caracterizados coma galegos e a moita honra.Lonxe de ser algo negativo consideramos un valor a nosa insistencia, a nosa retranca, a  nosa desconfianza...

          O estereotipo de inspector acompañado dun policía mangallón, bruto e que se laia seguido é moi de película americana pero gustounos.E aledámonos de que Leo Caldas  non desaparecese e continuase o seu "traballo" en A praia dos afogados  e debecemos por poder ter nas nosas mans a terceira entrega  que , agardamos ,definitivamente se  publique na primavera.

          Como remate  barallamos distintas posibilidades de lecturas para a seguinte  "tarefa" .É de destacar que "os meus pais e nais "   fan coma os rapaces do instituto : len o que lles mandan pero a maiores outras lecturas que teñen programadas segundo a súa biblioteca ou segundo gustos.

           Acordamos  ler La sonrisa etrusca  de José Luis Sampedro e quedamos citados.

          So me resta agradecer a presenza dos membros do clube , invitar aos que  queiran  a que se incorporen ,e desexarvos boas lecturas.


          Aburiño!!

3 mar 2013

O profesorado comenta El retrato de Dorian Gray


      O pasado martes,na hora do recreo, xuntámonos un grupo de profesor@s para comentar a coñecida obra de Oscar Wilde: El retrato de Dorian Gray.

          Mirade algunha das asistentes.


          Os que somos maiores en idade  xa a leramos nos nosos tempos mozos  pero foi un gozo redescubrila. E digo redescubrila con toda a intención porque daquela  non atoparamos na novela nin a metade do que agora nos amosou.

           A tod@s nos deixou impresionad@s  Lord Henry e a súa capacidade de manipulación. Para nós é un home que engaiola a Dorian Gray de tal maneira que  este acaba sendo un títere nas súas mans casi sin   percibilo. E se se da conta xustifícase aplicando o lema de Lord  Henry : o único que vale a pena na vida é a beleza e a satisfacción dos sentidos.  Así que todo é xustificable  e a súa vida vai camiño da autodestrucción sen facer caso das  advertencias  do seu amigo Basil Hallward  ao comezo da novela e dos seus consellos case ao final da mesma.

      Dorian é un narcisista  a quen se lle concede o desexo de non envellecer .Farao por el  o  retrato pintado por  Basil. O cadro é o recordatorio das moitas faltas do modelo. Nel vese ao verdadeiro Dorian  e as súa cativeza moral.

        A vida que toma o cadro fixonos lembrar e comentar o conto de Edgar Alan Poe no que un pintor  usa de modelo á súa esposa e no momento final, no que remata o cadro , esta  morre coma se o retrato lle arrebatase  a alma á  muller  para captar a vida mesma.
          

      A homosexualidade  planea pola novela de xeito latente e a decadencia da sociedade inglesa, a vanidade, a  tolería... son temas evidentemente  tratados.

             Acordamos a próxima lectura e quedamos con bo sabor de boca.

            Boas lecturas!
         
            Aburiño.

25 feb 2013

Reunión dos adultos do club de lectura

          Mañá martes,26 de febreiro, ímonos xuntar , os  que traballamos no Lama das Quendas,  para comentar o libro do trimestre. Non  esquezades  que na hora do recreo ,na Aula Multimedia temos unha cita.

          Por  outra banda , os pais e nais  tedes que lembrar que  o xoves,28 de febreiro,  ás 17:30 h.  na Biblioteca do IES ,será o momento  de  comentar  a nosa lectura. 

          A uns e outros  vereivos axiña.

          Aburiño!

24 feb 2013

Una luz en la marisma cando petan na porta pola noite

          O venres 22, na aula multimedia xuntámonos coas rapazas de 3º e 4º da ESO que nos quixeron acompañar para  comentar  Cando petan na porta pola noite  de Xabier P. Docampo e Una luz en la marisma de  Javier Alfaya.
          Na reunión sinalouse que o relato que máis lles gustou foi " O espello do viaxeiro" mentres que "O Fornadas"  pareceulles  espeluznante. O titulado "A loba " é duro polo seu desenlace no que  morre queimado o fillo-bebé do protagonista. A derradeira narración " O cumpremortes " lembrábanos un relato de Joan manuel Gisbert "Los mensajeros de la muerte"  integrado no libro Los caminos del miedo
          Todas  as asistentes concordamos en que era unha lectura entretida  pero con historias que  dan medo ( e máis darían se mentres lemos petan na porta pola noite). 

          Do  libro de 4º,  que gustou pola trama detectivesca na que se ve inmerso o rapaz protagonista , destacamos a crítica que se fai á xustiza ( non atende adecuadamente aos pobres e desfavorecidos),á especulación urbanística que manipula a natureza ao seu favor e algún que outro comentario  sobre as dificultades para sobrevivir dos que se consideraban roxos ou con antecedentes por "desafecto al  Régimen"  e aos mortos da  guerra civil .Estas notas dan certo sabor amargo a este libro que, por outra banda,deixase ler e   remata ben.

          Pasamos un bo anaco e xa, sobre o timbre de volta a clase comentamos as datas dos encontros do 3º trimestre e  estamos buscando  posibles  lecturas  para propor.


Como é ben sabido  non son precisamente  destra no campo da fotografía por eso vos teño que deixar a que saíu ben.


Coma sempre, grazas por estar , por participar e vémonos axiña.

Aburiño!!!

14 feb 2013

Reunión de 3º e 4º de ESO


Ola amig@s!
Lembrade que  na vindeira semana tiñamos reunión para  comentar Cando petan na porta pola noite  e Una luz en la marisma  pero para evitar que se solapen actividades e darvos a posibilidade de que os que queirades podades  asistir a todo, fixemos unha modificación no calendario de reunións.

Fíxádevos ben!!







Vémonos!! Aburiño!!

4 feb 2013

Aprazada a reunión do martes,5 de febreiro

Como ben sabedes están convocadas unhas xornadas de folga, por parte dos estudantes, para o martes,mércores e xoves desta semana.Por mor desta FOLGA , e a petición do alumnado que tiña interese en comentar o libro lido, queda aprazada a reunión que tiñamos que celebrar o martes 5 de febreiro. 


A nova reunión para comentar A Voz do lago terá lugar o martes,12 de marzo. 



3 feb 2013

Reunión alumnado de 2º de ESO

 
Design by Free WordPress Themes | Bloggerized by Lasantha - Premium Blogger Themes | Justin Bieber, Gold Price in India